- Tematica
O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, reuníronse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para abordar a posible ampliación da EDAR de Sisalde. Augas de Galicia comprometeuse a colaborar para tratar de acadar a implicación do Ministerio para a Transición Ecolóxica na ampliación da depuradora que solucione este problema de competencia municipal. Tamén se abordou a posible ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens, co obxectivo de executar a canalización necesaria para levar auga potable ata O Milladoiro e o seu entorno; e do proxecto conxunto de saneamento para as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia, así como para a parroquia de Troitosende do concello de A Baña.
A EDAR de Sisalde presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 e foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes. No ano 2007, a empresa concesionaria do Ciclo integral da auga de Ames, fixo un informe sobre o estado da EDAR de Sisalde no que dicía que se estaba prestando servizo a uns 18.000 habitantes. Isto supoña sobrepasar nun 80% á poboación inicial que estaba previsto atender. Posteriormente, no ano 2017, a empresa concesionaria volve a facer un informe no que se indica que na actualidade a poboación á que está atendendo esta EDAR é de 23.500 habitantes. No devandito informe recóllese a necesidade urxente de construír unha nova EDAR.
Dende hai varios anos vense falando da elaboración dun anteproxecto para a ampliación da EDAR de Sisalde porque esta planta está saturada, tal e como indican todos os informes técnicos redactados pola empresa concesionaria, os técnicos municipais e incluso os de de Augas de Galicia. Augas de Galicia dispón dun anteproxecto que sería necesario actualizar, no caso de acadarse garantías de financiamento para executalo.
Así mesmo, o 16 de outubro de 2014, por parte do departamento de obras de Augas de Galicia informouse ao Concello de Ames que se estaba redactando o proxecto construtivo que desenvolve dito anteproxecto. Posteriormente, o 16 de febreiro de 2015 publicouse no DOG o remate da tramitación do informe de impacto ambiental, e desde esa data non se volveu a ter máis información sobre as tramitacións relativas a este proxecto, nin tampouco se recibiu no Concello de Ames copia do proxecto de ampliación.
Debido a iso, e co obxectivo de avanzar na posible ampliación de dita depuradora o alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, reuníronse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez. Augas de Galicia comprometeuse a colaborar para tratar de acadar a implicación do Ministerio para a Transición Ecolóxica na ampliación da depuradora que solucione este problema de competencia municipal
O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “a disposición da directora de Auga de Galicia foi boa e trasladounos que se van iniciar os trámites para elaborar o proxecto de ampliación da EDAR de Sisalde. Esta obra é moi necesaria porque está depuradora, que atende a usuarios e usuarias dos concellos de Ames e Brión, está moi por encima da súa capacidade, xa que foi creada para atender unha poboación de 10.400 habitantes”.
Ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens
Por outra banda, falouse da posible ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens. Esta estación potabilizadora, que comezou a funcionar en xuño de 2016, tamén abastece aos concellos de Ames e Brión. Dita ETAP está preparada para atender a unha poboación de 40.000 habitantes, aínda que na actualidade atende a menos de 20.000, xa que no proxecto da mesma non se contemplou a posibilidade de realizar a canalización necesaria para levar auga potable ata O Milladoiro e o seu entorno, o principal núcleo de Ames. Tamén se falou de buscar diferentes vías de financiamento para sufragar a obra de canalización para que esta ETAP poida prestar servizo aos veciños e veciñas do Milladoiro. Dita obra tería un custo próximo ao millón de euros.
Por último, abordouse o proxecto conxunto de saneamento para as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia, así como para a parroquia de Troitosende do concello de A Baña. O proxecto desta obra foi redactado por Augas de Galicia. Con este plan de recollida, transporte e tratamento das augas residuais beneficiaranse uns cincocentos veciños e veciñas dos dous municipios. O proxecto percorre as parroquias amesás de Tapia (núcleos de Frenza e Vilouta), Piñeiro (lugares de Rúa, Vilaverde, Fernande, Balindo, Covas e San Mamede) e a bañesa de Troitosende (nos núcleos de Menlle de Arriba, Menlle de Abaixo, Vilela, Quintáns, Troitosende, Portochán e Vilacoba).
Contido relacionado:
La Voz de Galicia: "Ames negocia la ampliación de la depuradora de Sisalde"
Lindeiros: "Ames busca a ampliación da depuradora de Sisalde"
Compostela 24 horas: "O Goberno Municipal de Ames reuníuse coa directora de Augas de Galicia para reclamar unha ampliación da EDAR de Sisalde"