Pestanas principais

A concelleira de Cultura mantén unha reunión coa nova directiva da asociación cultural A Maía da parroquia Bugallido

Martes, 21 de xuño de 2022

A concelleira de Cultura, acompañada do concelleiro de Educación e da concelleira de Mocidade, vén de manter unha xuntanza coa nova directiva da asociación cultural A Maía, que desenvolve as súas actividades na parroquia de Bugallido. Dito encontro serviu para coñecer aos novos membros da directiva e intercambiar información sobre as necesidades de mellora do local da antiga escola unitaria de Bugallido e tamén sobre a posibilidade de organizar novas actividades culturais na parroquia. Ademais, falouse de futuros proxectos de colaboración entre a Administración local e dita asociación.

En dito encontro participaron a concelleira de Cultura e Comunicación, Natividade González, o concelleiro de Educación, David Santomil, e maila concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, que se reuniron coa nova directiva do Centro cultural A Maía que está encabezada por Kristian Nieto que ostenta o cargo de presidente.
 
Na xuntanza valoráronse posibles canles de colaboración para acoller actividades culturais na parroquia e tamén se abordou a necesidade de reforzar o mantemento dos locais onde se realizan as actividades municipais e asociativas da parroquia. Ademais, estase valorando a posibilidade de realizar unha actuación para realizar diversas melloras no local da antiga escola unitaria de Bugallido.

Outro dos asuntos tratados foi a posibilidade de organizar novas actividades culturais na parroquia. Deste xeito, tratarase de organizar actividades lúdicas e culturais do programa Apego e da Escola Municipal de Música.

A Concellaría de Cultura mantén o seu compromiso coa programación na parroquia de Bugallido, tanto no propio centro cultural como na antiga escola unitaria e no campo da festa. Con este obxectivo, participaron tamén na xuntanza representantes da asociación de veciños e da sociedade agraria de Bugallido, que traballan de forma coordinada na programación de actividades.

Por último, pediuse colaboración ao Concello para organizar un acto conmemorativo para festexar no vindeiro mes de outubro que se cumpren 100 anos do momento no que o local da sociedade agraria pasou a funcionar como escola de Bugallido. Este acto está sendo organizado polas tres asociacións que existen na parroquia de Bugallido.  

A concelleira de Cultura e Comunicación, Natividade González, destacou que dende o Goberno municipal e en particular dende a Concellaría de Cultura estase apostando polo asociacionismo municipal. “É importante que exista un tecido de asociacionismo forte e implicado. Por iso dende o Concello de Ames temos que tratar de ter un contacto estreito e colaborar coas asociacións existentes. Cremos que deben ser as propias asociacións as que fagan unha autoxestión dos seus propios locais. Aínda así dende o Concello debemos colaborar para mellorar as súas instalacións e ofrecerlles actividades que dinamicen as parroquias do rural”.  

Por outra banda, o presidente da asociación cultural A Maía, Kristián Nieto, mostrouse satisfeito “pola boa disposición mostrada polos representantes do Goberno municipal. Foi unha primeira toma de contacto da nova directiva cos membros do Goberno municipal. A nosa intención é seguir colaboración co Concello de Ames e que eles sigan colaborando con nós. Queríamos coñecer as actividades programadas polo Concello para a parroquia de Bugallido e se se podían ampliar. Deste xeito, abriuse a posibilidade de organizar novas actividades algo que é unha boa nova para a veciñanza de Bugallido”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bugallido ambiciona relanzar actividades e infraestructuras con el Concello y unido"

AMSGO!: "A nova directiva da asociación cultural A Maía reúnese co Concello"

O Goberno municipal reúnese coa nova directiva da asociación cultural A Maía da parroquia Bugallido