Pestanas principais

O goberno municipal reúnese coa oposición e coa ANPA de Ventín para coñecer a nova proposta presentada ante a Xunta de Galicia para instaurar a xornada continua no CEP de Ventín

Luns, 10 de marzo de 2014

[10-03-2014] O goberno municipal de Ames, co seu alcalde á cabeza, mantivo hoxe ás 14:00 horas unha xuntanza cos representantes da corporación municipal e con dous representantes da ANPA de Ventín, para tratar o tema da implantación da xornada continua no CEP de Ventín. Nesta reunión os membros da ANPA deste centro de ensino presentáronlle ao goberno municipal e ao resto de membros da oposición a proposta que presentaron esta mañá na Xunta de Galicia para instaurar a xornada continua no CEP de Ventín. Hoxe pola tarde tanto o goberno municipal coma os representantes da oposición reuniranse co secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén.

Dándolle continuidade ao plan de traballo que está desenvolvendo o goberno municipal para intentar instaurar a xornada continua para o próximo curso no CEP de Ventín, este mediodía tivo lugar na Casa do Concello unha xuntanza entre o goberno municipal e varios membros da oposición. A esta reunións tamén asistiron dous representantes da ANPA de Ventín.

Cómpre lembrar que o xoves pasado, 6 de marzo, o goberno municipal xa mantivo unha xuntanza coa oposición, para tratar o tema da implantación da xornada continúa no CEP de Ventín de cara ao vindeiro curso.

Na xuntanza de hoxe os representantes da ANPA de Ventín explicáronlle tanto aos membros do goberno coma aos concelleiro/as da oposición a proposta que presentaron esta mañá nas dependencias da Xunta de Galicia.

Esta foi unha reunión previa á que se celebrará hoxe pola tarde co secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén, na que participará o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e unha representación da corporación municipal amiense, tal e como se acordou na moción aprobada por unanimidade no pasado pleno do mes de febreiro.