Pestanas principais

O goberno municipal reúnese con representantes da empresa amesán Escola Inventa

Mércores, 15 de xullo de 2015

[15-07-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, mantiveron unha xuntanza con dous representantes da empresa amesán Escola Inventa, que este venres, 17 de xullo, vai a desenvolver no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a quinta edición do evento Lab´s-Inventa a túa comunicación. Por parte da empresa, asistiron á xuntanza o seu director, Eloy Gesto Beiroa, e a asesora comercial, Sandra Castro Álvarez. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa deste evento.

Escola Inventa, que ten a súa sede na rúa Palmeiras do polígono empresarial Novo Milladoiro, vai a desenvolver este venres, 17 de xullo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o evento Lab´s-Inventa a túa comunicación. Esta iniciativa, que se celebrará en horario de tarde, entre as 16:45 e as 20:00 horas, estará composto de mesas redondas, Networking (para traballar a rede de contactos) e momentos inspiradores. Tamén haberá mesas abertas ao público, nas cales se establecerán dúas quendas de preguntas de 20 minutos, onde os relatores responderán ás preguntas dos asistentes.

Este evento contará coa participación de persoal directivo de diferentes sectores, que trasladarán a súa experiencia profesional e aprendizaxe aos participantes. Trátase dunha oportunidade de coñecer historias reais que inspiren aos asistentes para o día a día na empresa, ademais de descubrir novos relatores. Esta iniciativa é o resultado final do seminario Sente a confianza para falar en público, no que os participantes se prepararon durante sete semanas na Escola Inventa, para vencer o medo a falar en público e desenvolver as súas habilidades comunicativas.

Na xuntanza mantida esta mañá entre os membros do goberno municipal e os representantes desta empresa abordáronse diferentes temas relativos á organización deste evento. Para obter máis información sobre este evento (programa, horarios, biografías dos poñentes, etc.) pódese consultar a páxina web de www.escuelainventa.com

Trala reunión o rexedor municipal, José Miñones, explicou que “ambas partes temos a intención de colaborar en actividades futuras para promocionar e potenciar o tecido comercial e empresarial amesán, así como para desenvolver diferentes actuacións relacionadas coa estratexia comercial, implantación de novas empresas, networking, etc”. Por parte da empresa Escola Inventa tamén destacaron que “Ames conta cunhas excelentes condicións para celebrar eventos deste tipo, polo que estamos seguros de que repetiremos”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Encuentro en Ames para abordar la organización del Lab´s Inventa"