Pestanas principais

O Goberno municipal solicítalle á Consellería de Educación a sinatura do convenio para o novo colexio do Milladoiro

Xoves, 19 de novembro de 2020

O alcalde de Ames, José Miñones e o concelleiro de Educación, David Santomil mantiveron onte unha xuntanza de traballo co novo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila e a Subdirectora Xeral de Construcións e Equipamento, María Jesús López. En dito encontro confirmouse a intención de ambas institucións, Xunta de Galicia e Concello de Ames, de manter a folla de ruta establecida para a ampliación do CEIP Agro do Muíño, en Bertamiráns, e a construción dun novo CEIP no Milladoiro.

O alcalde de Ames e mailo concelleiro de Educación mantiveron onte ao mediodía unha xuntanza co novo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila e a Subdirectora Xeral de Construcións e Equipamento, María Jesús López. O obxectivo de dito encontro foi manter un primeiro contacto co novo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, para avanzar na ampliación do CEIP Agro do Muíño e na construción dun novo colexio na localidade do Milladoiro.

Cómpre lembrar que a Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, celebrado de xeito telemático o 16 de abril, a posta a disposición da Xunta de Galicia dunha parcela de 13.167 metros cadrados para o novo colexio do Milladoiro. A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluído no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia e conta cun investimento estimado de 4 millóns de euros.

Unha vez superado o trámite de inscrición dos terreos no Rexistro da Propiedade, aprobouse en Pleno o convenio de colaboración coa Consellería de Educación, para ceder a parcela a Administración autonómica, para que se ocupe da redacción do proxecto e da licitación das obras de construción. Unha vez asinado o convenio, o Concello de Ames procederá redactar o proxecto de desvío da liña eléctrica existente na parcela e dende a Consellería de Educación deberá licitarse o proxecto do novo centro escolar no Milladoiro.

No caso do CEIP Agro do Muíño asinouse dixitalmente o convenio de posta a disposición dunha parcela de 4.345 metros cadrados para a ampliación deste centro escolar, que permitirá a dotación de seis novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Contémplase, igualmente, o desenvolvemento de espazos complementarios e de uso común que se definirán no proxecto. Actualmente estase a traballar na elaboración do proxecto técnico.

Novos equipamentos de ensino secundario ou formación profesional
Finalmente, o alcalde e o concelleiro de Educación trasladáronlle ao Secretario Xeral Técnico a dispoñibilidade dunha parcela de 10.000 metros cadrados, adquirida recentemente polo Concello de Ames, para destinala a aparcadoiro do IES de Ames, en Bertamiráns, que xa está a utilizarse e solicitaron que a Xunta de Galicia estude a viabilidade de futuros equipamentos de ensino secundario ou formación profesional. Neste senso, quedouse en estudar por ambas institucións a posible evolución demográfica e as posibles necesidades educativas no ensino secundario.

O alcalde de Ames e responsable de Urbanismo, José Miñones, destaca que “coas xestións urbanísticas realizadas imos poder dar cumprimento á ampliación do Agro do Muíño e á construción do novo CEIP no Milladoiro, que son demandas feitas dende hai tempo pola veciñanza no eido educativo. Ademais, agardamos que a Consellería de educación poida estudar a viabilidade de novos equipamentos para o IES de Ames, en Bertamiráns, xa que dispoñemos dunha parcela de 10.000 metros cadrados que foi adquirida recentemente”.

Por outra banda, o concelleiro de Educación, David Santomil, explica que “o Concello de Ames realizou un importante esforzo de dispoñibilidade de terreos para equipamentos educativos. Estamos a poñer sobre a mesa máis de 15.000 metros cadrados para ensino infantil e primaria, así como 10.000 metros cadrados para ensino secundario. Agradecemos a colaboración institucional no ámbito educativo e propuxemos seguir coa folla de ruta establecida para ampliación do CEIP Agro do Muíño e o novo CEIP do Milladoiro. Agardamos que poida axilizarse a redacción dos proxectos e a licitación das obras”.

Novas relacionadas:

Xunta de Galicia: "A Consellería de Educación investirá arredor de 5 M€ en infraestruturas educativas no concello de Ames nos vindeiros anos"

El Correo Gallego: "Instan a la Xunta a firmar el convenio para el nuevo colegio de O Milladoiro"

Revista AmesGo: "Ames pídelle á Xunta a sinatura do convenio do novo colexio do Milladoiro"

La Voz de Galicia: "Ames reclama el convenio para construir el CEIP de O Milladoiro"

Plano da parcela onde se construirá o novo CEIP do Milladoiro

Multimedia

  • Plano da parcela onde se construirá o novo CEIP do Milladoiro