Pestanas principais

O Goberno municipal visita as actuacións do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV

Martes, 19 de abril de 2022

Representantes dos Concellos de Ames e Brión visitaron esta mañá as instalacións da EDAR do Milladoiro e do Centro Social Polivalente de Brión, co fin de comprobar os traballos realizados en materia de enerxías alternativas realizados polo alumnado do obradoiro dual de emprego Renova IV, xa na súa cuarta edición. Neste senso, as 20 persoas que participan no taller están a colocar paneis de enerxía fotovoltaica e un sistema de calefacción aerotérmica que favoreza o autoabastecemento. Asistiron ás obras os alcaldes de Ames e de Brión, acompañados da concelleira de Promoción Económica de Ames e dos axentes de desenvolvemento local de ambos concellos.

Como parte do obradoiro dual de emprego Renova IV, o seu alumnado está a desenvolver varias actuacións en materia de enerxía renovable, coas que reciben unha cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

Neste momento, as 20 persoas que participan na cuarta edición deste taller formativo (15 de Ames e 5 de Brión) están a realizar dúas obras. A primeira, xa practicamente rematada, realizouse na EDAR do Milladoiro, na que se instalaron varios paneis de enerxía fotovoltaica co fin de contribuír ao abastecemento eléctrico da depuradora. A obra, similar á xa executada na EDAR da Ameixenda, foi instalada ao completo polo alumnado, que non puido colocar as placas no tellado da depuradora e que colocou as placas de xeito anexo.

Por outra banda a segunda actuación, con apenas unhas semanas de execución, estase a levar a cabo no Centro Social Polivalente de Brión. Alí, ademais de instalarse uns paneis solares, colocarase un sistema de enerxía aerotérmica, que contribúa a cubrir os gastos en calefacción do edificio.

As dúas actuacións foron visitadas ao longo da mañá por varios representantes dos Concellos de Ames e de Brión. Neste senso, comprobaron o estado das instalacións o alcalde de Ames, Blas García; o alcalde de Brión, Pablo Lago; a concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Belén Paz, e os axentes de desenvolvemento local dos Concellos de Ames e de Brión.

O obradoiro dual de emprego Renova IV é un programa público de formación e emprego, sufragado pola Consellería de Economía, Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que inviste uns 346.946 euros, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión por valor de 87.696 euros. Durante nove meses, de outubro a xullo, as persoas participantes reciben formación na especialidade “Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas”, nunhas 1.440 horas de formación na que tamén obteñen coñecementos sobre fontes de enerxía renovables en xeral. O taller complementa formación teórica e práctica, que se emprega para desenvolver traballos de interese municipal.

Estes programas de emprego contan cunha ampla aceptación nos sectores nos que se especializan, alcanzando altos niveis de inserción laboral. Neste senso, 16 dos 20 alumnos e alumnas que participan nesta edición do programa xa foron solicitados ou consultados para un posto de traballo unha vez rematen o seu período de formación.

O alcalde de Ames, Blas García, amosou a súa satisfacción polo traballo realizado polo alumnado e manifestou a aposta clara do Goberno municipal por axudar a aquelas persoas que teñen dificultades para atopar traballo. “O Concello de Ames, conxuntamente co Concello de Brión, aposta por estes obradoiros en enerxías renovables, un sector con futuro onde son moitas as empresas interesadas en contratar aos alumnos que participan nos obradoiros antes do seu remate”. Ademais, o alcalde indicou a intención de “crear un triángulo formativo no Concello de Ames, vinculando o centro de formación de Aldea Nova co centro de formación de Bertamiráns e co coworking municipal A Proa”.

Pola súa banda a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, recoñeceu a ledicia que supón ver o froito do traballo realizado dende o departamento. “Estou moi contenta porque as sensacións dos alumnos, do director e dos mestres do obradoiro son moi boas. Os alumnos e as alumnas están aprendendo moito e ven máis preto a posibilidade de atopar un traballo”. Asemade, a concelleira manifestou que “dos 20 alumnos que están a realizar a formación 16 xa atoparon traballo e iso é moi importante para a nosa Concellaría, pois vemos o froito do traballo que realizamos a diario en materia de emprego”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames recorta gastos en dos depuradoras con energía renovable"

El Correo Gallego: "Energía solar y aerotérmica nutren la depuradora de la mayor urbe y a Brión"

Enfoques: "Veinte alumnos del taller de empleo de Ames y Brión realizaron actuaciones en energías renovables"

O Goberno municipal visita as actuacións do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV

Multimedia

  • O Goberno municipal visita as actuacións do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • O Goberno municipal visita as actuacións do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • O Goberno municipal visita as actuacións do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • O Goberno municipal visita as actuacións do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • O Goberno municipal visita as actuacións do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV
  • O Goberno municipal visita as actuacións do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV