Pestanas principais

O Goberno municipal visita as instalacións da empresa Cinemar Films

Martes, 22 de febreiro de 2022

O Concello de Ames continúa coa rolda de contactos coas empresas do sector audiovisual que teñen instalacións radicadas en Ames. Neste caso o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron as instalacións da empresa Cinemar Films que están situadas na rúa das Palmeiras, no parque empresarial Novo Milladoiro. Durante a visita, Blas García e Ana Belén Paz puideron coñecer as instalacións da produtora e tamén abordaron con Jacobo Peña, administrador da empresa, distintas vías de colaboración de cara ao futuro.

O Goberno municipal está realizando unha rolda de visitas a diferentes empresas do sector audiovisual que están situadas no concello de Ames. No mes de xaneiro o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron as instalacións da empresa Ficción Producciones. Agora, continuando coa rolda de visitas, veñen de visitar as instalacións de Cinemar Films.

Esta empresa dedícase principalmente a produción de películas cinematográficas, dobraxe e montaxe de películas. Cinemar Films, que foi creada en 2006, ten as súas instalacións na rúa das Palmeiras, no parque empresarial Novo Milladoiro, e dispón de estudio de son e dobraxe. Ademais edita audioguías de publicidade e audiolibros. O estudo está homologado por Dolby e ofrece un servizo integral de posprodución e mestura de son para cine.

A visita serviu como toma de contacto e para buscar vías de colaboración entre ambas partes. Alcalde e concelleira coñeceron as instalacións de Cinemar Films e mantiveron unha xuntanza con Jacobo Peña, administrador da empresa. Deste xeito, falouse dunha posible colaboración para traballar en futuros proxectos en común, que sirvan para poñer en valor tanto ao concello de Ames como ao sector audiovisual que está implantado no noso municipio, e que se diversifica en varios ámbitos.

O alcalde, Blas García, destacou que “temos en Ames a unha das mellores empresas en canto a posprodución e mestura de son para cine. Esta visita enmárcase na rolda de contactos que estamos tendo coas empresas con sede en Ames relacionadas co sector audiovisual. Queremos establecer un contacto estreito e permanente de xeito que tanto nós como as produtoras podamos favorecernos desta sinerxia”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, volveu a destacar o peso que teñen as empresas do sector audiovisual e de novas tecnoloxías dentro do tecido empresarial de Ames. “No pasado mes de outubro mantivemos unha xuntanza conxunta con diversas empresas do sector audiovisual e agora o noso obxectivo e poder visitar as instalacións de ditas empresas para coñecelas máis polo miúdo”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Colaboraciones para aprovechar el sector audiovisual amesano en la promoción local"

Enfoques: "El alcalde de Ames visita la empresa Cinemar Films para buscar vías de colaboración"

O Goberno municipal visita as instalacións da empresa Cinemar Films

Multimedia

  • O Goberno municipal visita as instalacións da empresa Cinemar Films
  • O Goberno municipal visita as instalacións da empresa Cinemar Films
  • O Goberno municipal visita as instalacións da empresa Cinemar Films