Pestanas principais

O grupo municipal de teatro estrea a obra “A visita” o 7 de xuño

Luns, 03 de xuño de 2024

O vindeiro venres, 7 de xuño, o grupo municipal de teatro pechará a súa actividade coa estrea de “A visita” con dous pases en Bertamiráns e no Milladoiro. O convites están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello. Ademais, a Escola Municipal de Teatro de Ames celebrará esta semana diversas mostras de fin de curso dos grupos infantís e xuvenil. Desde o departamento de Cultura informan de que o prazo de matrícula para o vindeiro curso abrirá a mediados deste mes.

A Escola Municipal de Teatro, posta en marcha no ano 2021 pola Concellaría de Cultura e na que actualmente participan arredor de 90 persoas, clausurará esta semana o seu terceiro curso en funcionamento.

Estre da obra do grupo municipal de teatro
O grupo municipal de teatro integrado por adultos, estreará o 7 de xuño no Milladoiro a obra “A visita”. O venres 14 de xuño ofrecerán un novo pase na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O elenco estará composto por Mirella Vázquez, Emilia Mayo, Anna Reig, Cris Botrán, Rosana González, Marichelo Cajide, Ilduara García, Pablo Núñez, Gene Martínez, Pablo Otero, Marisa Peña, Esteban Paz e Carmela Pardal.

Esta peza de Friedrich Dürrenmatt desenvólvese en Güllen, unha cidade que leva anos asolada pola miseria e a pobreza; coas fábricas e a industria pechadas, aos güllenses só lles queda vivir do recordo de épocas mellores. Porén, a volta ao fogar dunha antiga veciña, a millonaria Clara Zachanassian, enche de esperanza os corazóns de toda a poboación. Clara marchou da vila cando nova, e fixo unha fortuna no estranxeiro, converténdose nunha das persoas máis ricas do mundo. O destino de Güllen depende da súa visita.

Clausura dos grupos de rapaces/as da Escola Municipal de Teatro
O martes día 18, o alumnado máis novo da escola trasladarase á Casa da Cultura de Bertamiráns. Ás 17:30 horas será a quenda do grupo infantil, con nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, que abrirá a representación con “Contemos un conto”. O segundo grupo infantil, no que participa rapazada de entre 7 e 11 anos, interpretará “O bosque dos mil perdidos” ás 20:00 horas. Pechará a xornada o grupo xuvenil de maiores de 12 anos, con “Mórdeme”, ás 20:30 horas.

Ao día seguinte, o mércores 19, a Escola Municipal de Teatro chegará á Casa da Cultura do Milladoiro co grupo infantil de 3 a 6 anos, que novamente representará “Contemos un conto”, ás 17:30 horas; e co grupo infantil de 7 a 11 anos coa obra “O reino do derroche”, ás 20:00 horas. Xa ás 20:30 horas será a quenda do grupo xuvenil de maiores de 12 anos, que pechará a mostra coa representación de “Criaturiñas”.

Novas relacionadas:

Ames Go: "O Grupo Municipal de Teatro estrea o día 7 “A Visita” e o 18 e 19 fin de curso das Escolas Infantís"

O grupo municipal de teatro estrea a obra “A visita” o 7 de xuño

Multimedia

  • O grupo municipal de teatro estrea a obra “A visita” o 7 de xuño
  • O grupo municipal de teatro estrea a obra “A visita” o 7 de xuño