Pestanas principais

O IES do Milladoiro acolle este mércores unha nova sesión dos Espazos para Reflexionar denominada “O adentro: A comunicación a escena”

Martes, 28 de xaneiro de 2020

Yolanda Gómez Bombín, pedagoga e especialista na metodoloxía dos Procesos Correctores Comunitarios (ProCC), será a encargada de conducir a nova sesión dos Espazos para Reflexionar deste mércores, 29 de xaneiro. A charla, que terá lugar no Salón de Actos do IES Milladoiro, terá como epicentro saber abordar dende a comunicación a etapa da adolescencia dos rapaces e rapazas. Aínda que está dirixida a pais e nais de rapaces adolescentes, ten cabida para adultos con nenos e nenas de calquera idade.

O programa Espazos para Reflexionar retoma a súa actividade este mércores, 29 de xaneiro, cunha sesión sobre a busca dun punto de encontro entre pais/nais e fillos a través da comunicación. Nesta ocasión, a charla será dirixida por Yolanda Gómez Bombín, pedagoga e especialista na metodoloxía dos Procesos Correctores Comunitarios (ProCC).

Así, a partir das 17.00 horas, Yolanda abordará pautas para aprender a abordar a etapa da adolescencia dende a comunicación. Afondar en pensamentos habituais dun adolescente, como “que as nais e pais son uns pesados”, “repiten as cousas cen veces” ou que “pensan que nunca se equivocan”, e buscar o por que dese tipo de pensamentos. Quizais sexan resultado de mensaxes de advertencia, culpas, sermóns, chantaxes, comparacións e outro tipo de incoherencias na comunicación cos adultos. Desta maneira, nesta nova sesión de Espazos para Reflexionar crearase un espazo de reflexión para  buscar un punto de encontro entre ambas visións, a dos adultos/as e a dos rapaces e rapazas.  

Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro
A iniciativa Espazos para reflexionar conta co apoio da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames e o IES Milladoiro. Cada unha das charlas realizadas ao abeiro deste programa están dirixidas principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos. No curso 2018/19, realizáronse varias sesións sobre múltiples temas como a diversidade enfocada no ámbito sexual, a educación en positivo, a autonomía dos pequenos e pequenas, a importancia de descodificar as necesidades dos/as adolescentes potenciando a súa autonomía, ou as altas capacidades.

Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

A finalidade deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.

Espazos para Reflexionar

Multimedia

  • Espazos para Reflexionar