Pestanas principais

O IES do Milladoiro acolle este mércores unha nova sesión dos Espazos para Reflexionar sobre a febre e as infeccións na infancia

Martes, 07 de maio de 2019

Marta Lendoiro, pediatra residente do CHUS, e Natalia Martínez, farmacéutica da Farmacia Milladoiro, serán as encargadas de conducir a nova sesión dos Espazos para Reflexionar deste mércores, 8 de maio. A charla, que terá lugar no Salón de Actos do IES Milladoiro, xirará en torno a como tratar e previr a febre e as infeccións nos nenos e nenas. O proxecto de Espazos para Reflexionar, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O programa Espazos para Reflexionar retoma a súa actividade este mércores, 8 de maio, cunha sesión sobre a febre e as infeccións nos nenos e nenas. Nesta ocasión, a charla será dirixida por Natalia Martínez, farmacéutica da Farmacia Milladoiro, e Marta Lendoiro, pediatra residente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Así, a partir das 17.30h, ambas profesionais aclararán dúbidas como a partir de que temperatura se considera febre, que é unha infección e as diferencias entre unha infección vírica e unha infección bacteriana.

Asemade, ao longo da charla trataranse tamén cuestións como a sintomatoloxía dunha infección, os pasos a seguir cando un menor presenta este tipo de síntomas, as vacinas ou como tratar e previr unha infección. Ao igual que en anteriores charlas, o obxectivo será que as propias familias compartan as súas experiencias, dúbidas e coñecementos nun ambiente distendido e aberto. O fin desta xornada será ofrecer toda a información posible sobre esta temática ás familias con cativos e cativas, así como resolver todas as dúbidas que poidan xurdir sobre a administración de medicamentos que poida haber na casa, a mellor forma de administrar soros e probióticos e como actuar en caso dunha enfermidade deste tipo.

Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro
A iniciativa Espazos para reflexionar conta co apoio da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames e o IES Milladoiro. Cada unha das charlas realizadas ao abeiro deste programa están dirixidas principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos. No curso 2018/19, realizáronse varias sesións sobre múltiples temas como a diversidade enfocada no ámbito sexual, a educación en positivo, a autonomía dos pequenos e pequenas, a importancia de descodificar as necesidades dos/as adolescentes potenciando a súa autonomía, ou as altas capacidades.

Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

A finalidade deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.

Ligazóns:

O IES do Milladoiro acolle este mércores unha nova sesión dos Espazos para Reflexionar sobre a febre e as infeccións na infancia

Multimedia

  • O IES do Milladoiro acolle este mércores unha nova sesión dos Espazos para Reflexionar sobre a febre e as infeccións na infancia