- Tematica
“Un punto de encontro para seguir ollando o mundo sen esquecer as nosas raíces”, deste xeito preséntase o vídeo "Rosalía Internacional", co que este ano o IES de Milladoiro honra a Rosalía de Castro na data do seu nacemento. Unha homenaxe sonora construída a través dun recital poético multicultural no que están representadas a meirande parte das nacionalidades que conviven no centro. O equipo de Dinamización Lingüística do IES realizou xunto co alumnado este traballo. Ademais, en colaboración co Comité de Igualdade, trabállase tamén nun photocoll coa imaxe de Rosalía que levará por título “Rosalía tamén tivo teito de cristal” e que reivindicará a condición feminista da poeta.
“Se pronto non me levades, ai! morrerei de tristeza, soia nunha terra estraña, onde estraña me alcumean, onde todo canto miro, todo me dice estranxeira”. Estes versos, que no vídeo le a alumna Sofía Geniso de Arxentina, reflicten o interese que a poeta da Maía prestou sempre ao fenómeno da emigración. 22 nacionalidades conviven nas aulas do IES de Milladoiro, e esa riqueza multicultural é o que quixo poñer en valor o equipo de Dinamización Lingüística coa realización deste vídeo no que participan rapazas e rapaces da meirande parte desas nacionalidades.
O planeta serve como pano de fondo. Mentres a rapazada recita, unha frecha vai percorrendo sobre esa bola do mundo o camiñoo que cada un e cada unha das rapazas e dos rapaces tivo que facer até chegar a Milladoiro. Adina Acheriscu veu de Romanía, Nicole Izaguirre de Venezuela, Joel López de Suiza, Kerin Bartolotta de Italia e Kaylane Santos naceu en Brasil; Harvey Hurtado chegou de Colombia, Jacqueline Fernández de Guatemala, Marloremi Martínez de República Dominicana e Sofía Geniso procede de Arxentina; Gerardo Resendiz naceu en México, Iván Wenjie en China e José Luis Ramos en Panamá; ademais Joaquín La puente é de Perú, Brais Roma de EEUU, Imane Sodki de Marrocos, Anabella López de O Salvador e Ephrem Canal chegou a Milladoiro desde Etiopía
Manolo Maseda, Mila Diéguez, Beatriz Otero, Maruxa Fernández e Tina Formoso forman o equipo de Dinamización Lingüística do IES de Milladoiro que promoveron e se encargaron da realización deste traballo en vídeo que vincula a Rosalía coa emigración e salienta o interese e a dedicación que a poeta fixo na súa obra sobre tema: “Se algo define ao noso centro é esa riqueza multicultural e Rosalía ocupouse moito nos seus escritos da emigración, por iso queríamos que fosen eles e elas, os emigrantes e as emigrantes do noso centro quen protagonizasen este ano a homenaxe unha boa parte das actividades de homenaxe a Rosalia na data do seu nacemento”.
Ao recital poético multicultural recollido en vídeo, o IES de Rosalía suma unha acción máis para conmemorar o aniversario do nacemento da poeta neste ano 2021. A actividade desenvolverase en colaboración co Comité de Igualdade do IES. Titularase “Rosalía tamén tivo teito de cristal” e reivindicará a faciana feminista da poeta.
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "O IES do Milladoiro celebra o aniversario de Rosalía cun vídeo que amosa a riqueza da diversidade cultural do centro"