Pestanas principais

O IES do Milladoiro organiza os días 23 e 24 de marzo as primeiras xornadas “Ao son da oralidade: o noso patrimonio”

Mércores, 17 de marzo de 2021

O IES do Milladoiro, en colaboración coa ANPA do IES do Milladoiro, ANPAMILLA, e mailo Concello de Ames, organiza os días 23 e 24 de marzo as primeiras xornadas “Ao son da oralidade: o noso patrimonio”, que se desenvolverán no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Estas xornadas enmárcanse dentro da programación dun proxecto didáctico colaborativo no que está traballando un grupo de profesorado do centro, conxuntamente co alumnado do IES do Milladoiro. Os faladoiros que se impartirán durante estas dúas xornadas serán emitidos en directo por streaming, a través da canle de Youtube do Concello de Ames.

O martes 23 e mailo mércores 24 de marzo terán lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro as primeiras xornadas “Ao Son da Oralidade: O noso patrimonio”, que están organizadas polo IES do Milladoiro, e nas que colabora a ANPAMILLA e o Concello de Ames. Estas xornadas enmárcanse dentro da programación dun proxecto didáctico colaborativo no que está traballando un grupo de profesorado do centro, conxuntamente co alumnado do IES do Milladoiro.

As liñas básicas de investigación deste proxecto son tres: a oralidade, a toponimia e os petróglifos. Así mesmo, os encontros programados nas xornadas tamén están enfocados para manter uns encontros dialóxicos co alumnado arredor destas temáticas. Preme nesta ligazón para ver o día e hora dos distintos faladoiros.

Programa das xornadas
O primeiro faladoiro será con Luís Leclere (representante do Colectivo a Rula) que falará dos petróglifos do concello de Ames. O segundo faladoiro será a cargo de Xosé Ramón López Boullón (docente e autor do libro Toponimia de Ames), que ilustrará ao alumnado cos nomes de lugares da contorna. O terceiro faladoiro tamén será sobre toponimia, pero neste caso a cargo de Vicente Feijoo Ares (coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG). Vicente Feijoo vaise centrar no potencial didáctico da toponimia como ben do patrimonio cultural inmaterial.

O cuarto faladoiro vai a ser sobre a xestión do patrimonio cultural e os museos, e vaise desenvolver por parte de Bieito Pérez Outeiriño (membro do corpo facultativo de Conservadores de Museos do Estado). Por último, e non menos importante, realizarase un obradoiro para crear roteiros emocionais, a través da memoria colectiva da oralidade. Para este proxecto de roteiros, que nun futuro próximo agárdase que sexan reais, cóntase con Vero Rilo (contadora e artista multidisciplinar) e Marcos PTT (actor e director de teatro e membro do colectivo Galiza Emocional).

Este traballo ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso innovador de participación da comunidade educativa no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, lingüístico, histórico e artístico. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa contorna como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural.

Emisión en directo das xornadas
Os faladoiros que se impartirán durante estas dúas xornadas serán emitidos en directo por streaming, a través da canle de Youtube do Concello de Ames. O obxectivo é que os faladoiros poden ser vistos e escoitados polo alumnado do IES do Milladoiro e doutros centros escolares de primaria e secundaria do concello. Debido ao protocolo Covid-19 do IES do Milladoiro, tan só poderán asistir ás xornadas de forma presencial algúns dos grupos dos cursos de primeiro, segundo e terceiro da ESO. O resto de alumnado poderá seguir as xornadas dende a súa aula.

Dende o centro educativo do IES do Milladoiro expresan o seu agradecemento a todas as persoas relatoras que colaboran desinteresadamente coas xornadas. “Por suposto dar as grazas á ANPA por axudarnos sempre e ser cómplices desta aventura educativa. A maiores estamos agradecidas ao Concello de Ames por ceder as instalacións e facilitar a emisión en directo por streaming, a través da Internet, para o resto do alumnado que non pode asistir, por protocolo Covid, e para o alumnado do resto de centros escolares do concello que queiran participar en ditas xornadas”.

cartel charlas IES do Milladoiro