- Tematica
O IES do Milladoiro e mais o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces están a participar nun programa Erasmus+K1, baixo o título Europa de repente. Neste programa europeo, no que están involucrados estes dous centros de ensino, participan tamén centros da Madeira (Portugal) e de Florencia (Italia). A coordinación lévase a cabo desde o CFR da Coruña.
Do 27 ao 30 de setembro de 2022, levouse a cabo a segunda mobilidade do programa, na que se observou “in situ” o panorama actual da improvisación oral na Toscana. Realizáronse entrevistas con improvisadores vinculados á asociación Lottava Rima, cun centro de ensino da Toscana (Cutigliano) e mais no Centro Studi Beatrice di Pian degli Ontani (improvisadora e poeta do século XIX) da mesma localidade.
Ao igual que se fixo na primeira viaxe do mes de xaneiro á illa da Madeira, por parte dos catro docentes destes dous centros e mais do coordinador do CFR, nesta viaxe realizáronse tamén numerosas entrevistas e gravacións a persoas implicadas neste tema (músicos, investigadores, profesorado, improvisadoras e improvisadores, activistas culturais, alumnado...) para coñecermos improvisación tradicional nesta zona (ottava rima). Alén diso o profesorado galego tivo oportunidade de participar en dous encontros ao vivo de poesía oral improvisada. Afondouse nesta modalidade literaria nun percurso polo roteiro de Beatrice, na montaña de Pistoia, referente da improvisación nos Apeninos.
Todo o material escrito e audiovisual realizado nestes encontros vai servir para a elaboración de material educativo e compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nos puntos anteriormente referenciados e que se expoñerán no final do proxecto para a comunidade educativa europea que teña interese neste tema.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Estudan a poesía oral improvisada no IES de Milladoiro co Erasmus+"
AMSGO!: "O IES do Milladoiro participa nun Erasmus+ sobre poesía oral improvisada"