Pestanas principais

O III Partido benéfico de Baloncesto Concello de Ames recadou 2.600 euros para axudar a Paula

Sábado, 07 de xaneiro de 2012

[07-01-2012] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu esta tarde o III partido benéfico de Baloncesto Concello de Ames. O obxectivo desta cita deportiva era recadar diñeiro para Paula, unha nena de 16 meses que sofre agenesia sacara, unha enfermidade considerada rara que consiste na ausencia dunha ou máis vértebras sacras e causa a deformidade da espiña dorsal. Neste partido o XL Milladoiro mediuse contra un equipo de famosos de Galicia entre os que se atopaban Pepo Suevos, Óscar Pereiro, Xavier Deive, Terio Carrera, David Amor e Federico Pérez entre outros. Tras un partido no que non defraudaron ningún dos equipos e no que non faltou o espectáculo e a deportividade, o marcador quedou moi axustado con 51 puntos para o equipo local, XL Milladoiro, e 49 para o equipo de famosos galegos. A entrada para o III Partido Benéfico de Baloncesto Concello de Ames era gratuita, unicamente as persoas que o desexaron entregaron un donativo e tamén puideron mercar rifas para un sorteo que se celebrou no descanso. En total recadáronse 2.600 euros.

Despois da magnífica acollida que tivo esta iniciativa nas edicións pasadas, decidiuse organizar a terceira edición do partido benéfico de Baloncesto Concello de Ames. O encontro deste ano non se quedou atrás e foron moitos os veciños e veciñas de Ames os que se achegaron esta tarde ao pabillón de Bertamiráns e que puideron gozar dunha gran cita deportiva. Neste encontro enfrontáronse o XL Milladoiro contra un equipo formado por famosos de Galicia. A principal novidade deste ano foi que o equipo de famosos estivo adestrado por Alberto Corbacho e Oriol Junyent, xogadores do Blusens Mombus Obradoiro.

Os xogadores foron presentados polos xornalistas e presentadores da TVG Diego Viaño e Terio Carrera. No equipo de famosos tamén xogaron deportistas galegos da talla de Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia en 2006, Iván Raña, triatleta cun longo palmarés de premios e copas e campionatos de todo o mundo e que acadou o quinto posto nos Xogos Olímpicos de Sidney en 2000 ou Miguel Juane, ex-xogador do Club de Amigos Baloncesto Obradoiro.


Con este partido benéfico recadáronse 2.600 euros que irán destinados en favor de Paula, unha nena de 16 meses que ten agenesia sacra. Paula naceu sen sacro e con dúas vértebras mal formadas o que lle afecta ás extremidades inferiores. A nena non pode andar e necesita un tratamento dun custo moi elevado, pero con ese tratamento pode curarse. Francisco Santos, o avó de Paula, asistiu ao partido benéfico e recibiu un agasallo no nome do Concello de Ames por parte do concelleiro de deportes, Manuel Ferreiro. O avó de Paula amosouse moi agradecido polos esforzos que está facendo moita xente pola súa neta, explicou que a súa enfermidade ten cura e que loitarán pola nena. Francisco Santos agradeceu tamén as iniciativas semellantes á de Ames que se levarán a cabo en Ribeira e Boiro, de onde é natural a familia de Paula.

No tempo de descanso do partido sorteáronse entre o público asistente numerosos agasallos que doaron as 14 empresas colaboradoras con este evento.