- Tematica
Os “Seráns de Ames” chegan ao seu fin este xoves 25 de agosto, nun campo da festa de Bugallido que acollerá a última parada dunha programación que ao longo de todos os xoves de xullo e agosto levou diferentes actividades para todos os públicos ás parroquias de Bugallido e Tapia. Nesta última semana de propostas será a quenda do artista galego Dani Polo, que da man do Festival Mundial de Maxia Galicia Ilusiona protagonizará un espectáculo de maxia e ilusionismo a partir das 20:00 horas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.
O campo da festa de Bugallido celebra este xoves 25 o punto e final da segunda edición dos “Seráns de Ames”, cun espectáculo que non deixará a ninguén indiferente. O artista e ilusionista galego Dani Polo chega como parte do Festival Mundial de Maxia Galicia Ilusiona para impresionar e repartir ilusión entre a veciñanza que se achegue a Bugallido, a partir das 20:00 horas.
A actuación é parte de “Maxia na rúa”, un dos eixos do festival Galicia Ilusiona, que ten como obxectivo inundar todo o país de maxia, achegándose a máis de 100 localidades e apostando polas ilusionistas galegas, aproveitando a climatoloxía favorable para o espectáculo na rúa que está a deixar este verán. Deste xeito, o proxecto busca converter a Galicia nun territorio máxico durante dous meses e poñela no centro de atención, grazas a un evento de gran alcance en todos os niveis.
Con esta actividade conclúen os “Seráns de Ames”, un programa organizado pola Concellaría de Cultura, coa colaboración das de Mocidade e Normalización Lingüística. A programación desenvolveuse ao longo dos oito xoves de xullo e agosto, alternando propostas para todos os públicos cada semana, entre a praia fluvial de Tapia e o campo da festa de Bugallido. Tratouse da segunda edición desta iniciativa, que foi estreada no 2021 como “Seráns de Tapia”, e que este ano engadiu á parroquia de Bugallido como sede.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El ilusionismo de Dani Polo, broche de oro de los Seráns de Ames"
El Correo Gallego: "Dani Polo levará a maxia este xoves ata Bugallido"
Enfoques: "El ilusionista Dani Polo despedirá los “Seráns de Ames” este jueves en Bugallido"