- Tematica
O Ames Jazz celebra esta fin de semana o seu quinto aniversario estendendo a súa programación a dous días e incorporando aos habituais concertos dúas proxeccións de películas relacionadas con este xénero musical. O festival desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e nos seus exteriores, este venres 1 xullo e o sábado 2 de xullo, con actuacións de Límbico e Xacobe Martínez Antelo Quinteto. Ademais, proxectaranse os documentais "Thelonious Monk: Straight, No Chaser" e "Keith Jarrett: The Art of Improvisation.
O Pazo da Peregrina vai ser o escenario do Ames Jazz esta fin de semana. O festival celebra o seu quinto aniversario con importantes novidades que pasan por unha nova imaxe, por dobrar os días do festival, por incorporar a proxección de dous filmes relacionados con este xénero musical e por incluír servizo de bar durante o festival. O jazz inundará os xardíns do pazo cunha parella de concertos o venres 1 de xullo da man do quinteto Xacobe Martínez Antelo e o sábado 2 de xullo coa banda Límbico, sempre ás 22:30 horas. Antes, ás 20:00 horas proxectaranse no interior do Pazo da Peregrina dous documentais para afondar aínda máis neste xénero musical. O venres 1 de xullo proxectarase "Thelonious Monk: Straight, No Chaser" e o sábado 2 de xullo será a quenda de "Keith Jarrett: The Art of Improvisation".
Este ano, ademais, a vermutería e coctelería O Transistor instalará unha barra de bar os dous días do festival. Este servizo ofrecerase antes das proxeccións, unha vez rematadas as proxeccións dos documentais e durante os concertos.
Dous concertos para gozar do jazz
En primeiro lugar, o venres 1 de xullo actuará Xacobe Martínez Antelo en formato de quinteto. Xacobe intentará, cunha formación totalmente renovada, equilibrar o pasado co presente e o futuro facendo un repaso por todo o seu repertorio persoal. Será un adianto do próximo traballo discográfico do contrabaixista compostelán.
Xa na segunda xornada de Ames Jazz, o sábado 2 de xullo, será a quenda da banda Límbico, un proxecto instrumental do guitarrista e compositor Iago Marta no que mostra as súas ideas e preocupacións musicais, tentando sumar todas as influencias ás que estivo exposto ao longo da súa carreira como intérprete.
Dous documentais para aprender máis sobre o jazz
Ademais, por primeira vez no Ames Jazz incorpóranse á programación dúas proxeccións de cinema, que completan a oferta musical do festival. O Pazo da Peregrina acollerá os dous filmes a partir das 20:00 horas, tamén repartidos entre ambos días.
O venres 1 de xullo proxectarase "Thelonious Monk: Straight, No Chaser", unha biografía desta lenda do jazz que inclúe metraxe de concertos e entrevistas.
Por outra parte, o sábado 2 poderá verse o documental "Keith Jarrett: The Art of Improvisation", un traballo que xira en torno á figura do pianista e a súa improvisación jazzística.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Jazz co quinteto Xacobe Martínez e máis Límbico"