Pestanas principais

O luns 14 de abril comeza a funcionar a sala de estudo 24/365 do Milladoiro

Venres, 11 de abril de 2025

O alcalde e responsable do departamento de Bibliotecas, Blas García, así como o técnico e a animadora á lectura das bibliotecas municipais, Xoán Manuel Pérez e Divina Fernández, presentaron esta mañá o novo servizo 24/365 que comezará a prestar dende o vindeiro luns, 14 de abril, a sala de estudo do Milladoiro. Deste xeito, tanto na sala de estudo do Milladoiro como na de Bertamiráns instalouse un novo sistema de lectura de códigos QR, que permite entrar e saír destas salas de estudo cando os/as usuarios/as necesiten empregar estas instalacións. Xa se poden solicitar os códigos QR de accedo ás salas de estudo municipais. Pódese solicitar de xeito telemático cubrindo este formulario e enviando por correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal. Os códigos QR comezarán a enviarse o luns 14 de abril.

Coincidindo co inicio da Semana Santa, época na que o estudantado non está en período lectivo, comeza a funcionar a sala de estudo 24/365 do Milladoiro, para prestar servizo a aquelas persoas que precisen estudar. Deste xeito, o Goberno municipal cumpre co obxectivo de abrir estas instalación as 24 horas do día durante os 365 días do ano coincidindo coa Semana Santa deste ano.

O alcalde de Ames e responsable do departamento municipal de bibliotecas, Blas García, destacou “trátase dunha mellora importante nas bibliotecas municipais do Milladoiro e de Bertamiráns, porque permítenos diferenciar as salas de estudo/lectura dos espazos das bibliotecas, e permítelles aos usuarios/as das salas de estudo/lectura optimizar e adaptar os seus hábitos de estudo segundo as súas necesidades. Poderán empregar estas instalacións do Milladoiro durante as 24 horas do día. En Bertamiráns traballamos para que no futuro tamén se poida dispoñer dunha sala de estudo 24/365, mentres tanto ampliamos o seu horario de apertura, tendo en conta o horario da Casa da Cultura de Bertamiráns”.

O axudante técnico da biblioteca, Xoán Manuel Pérez, explicou “hoxe presentamos o funcionamento da sala de estudo e lectura do Milladoiro, que vai permitir acceder a ela as 24 horas e os 365 días do ano mediante un código QR, que se lle facilitará a calquera persoa que o solicite cubrindo un impreso. Unha vez tramitada a solicitude enviaráselle un código QR co que poderá acceder directamente a ditas instalacións. Isto o que permite é independizar a sala de estudo e lectura respecto da biblioteca e funcionar sen depender dos horarios da biblioteca. Deste xeito, as persoas que prefiren estudar nunha biblioteca poderán vir as fins de semana ou polas noites, tanto para estudar coma para facer traballos”.

Solicitude do código QR de acceso
A solicitude do código QR para poder acceder ás salas de estudo de Bertamiráns e do Milladoiro pode facerse de xeito telemático cubrindo este formulario e enviando por correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal. Unha vez sexa recibido por parte do persoal do departamento de bibliotecas enviaranlle ao móbil do usuario/a o correspondente código QR co cal poderán acceder ás salas de estudo. Dito trámite tamén se pode facer de xeito presencial nas bibliotecas cubrindo o correspondente formulario. Os códigos QR comezarán a enviarse o luns 14 de abril.

No momento no que se cubre o formulario pódese optar por dispor do código QR para a sala de estudo do Milladoiro; de Bertamiráns; ou para as dúas salas de estudo. No momento de marcar estas opcións deberase ter en conta os horarios das dúas salas de estudo e que a sala de estudo do Milladoiro está aberta as 24 horas dos 365 días do ano.

A idade mínima para poder empregar as salas de estudo é de 14 anos. No caso de persoas menores de 18 anos, deberán constar no formulario os datos da persoa representante do/a menor. Por último, en dito formulario ofrécese a opción de recibir información do Concello de Ames sobre ás bibliotecas municipais.

Horario das salas de estudo
A sala de estudo do Milladoiro está aberta durante as 24 horas dos 365 días do ano. Pódese acceder desde a entrada que está situada na rúa de Abaixo. Os/as usuarios/as terán que acceder a través dun código QR. Durante o horario nocturno a porta que comunica co espazo de biblioteca estará pechada. Pola contra, durante o horario xeral diúrno a porta de comunicación entre ambos locais seguirá estando aberta. No teito da zona de entrada, pola rúa de Abaixo, instalouse unha cámara de vídeo-vixilancia conectada á instalación actual.

Por outra banda, a apertura da sala de estudo de Bertamiráns está supeditada ao horario de apertura da Casa da Cultura. Deste xeito, o horario de inverno (do 16 de setembro ao 14 de xuño) é de luns a venres, en días laborais, de 8:00 a 22:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 a 14:00 horas, mentres que os domingos está pechada. Durante o período estival (do 15 de xuño ao 15 de setembro, ambos incluídos) o horario varía, sendo de luns a venres, en días laborais, de 8:00 a 14:00 horas. Os sábados e domingos está pechada.

Imaxe da presentación do novo servizo 24/365, que comezará a prestar dende o vindeiro luns, 21 de abril, a sala de estudo do Milladoiro