Pestanas principais

O magnetismo da regueifa espállase polos centros escolares de Ames

Domingo, 08 de decembro de 2024

Enreguéifate, puro magnetismo! é o lema da oitava edición que deu comezo no pasado mes de outubro cun obradoiro de formación para profesorado. Agora, no mes de decembro impartiranse os obradoiros de improvisación oral nos centros escolares de Ames dende o martes 10 de decembro. Ata o 19 de decembro, participarán nesta iniciativa o IES Plurilingüe de Ames, o IES do Milladoiro, o CEIP A Maía, o CEIP de Ventín e o CEIP Agro do Muíño. Serán un total de trece obradoiros, dirixidos a alumnado de 5º e 6º de primaria e do primeiro ciclo ESO, impartidos por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.

O campo magnético da regueifa continúa a estenderse entre a mocidade a través dos obradoiros de improvisación oral organizados no marco da oitava edición do Enreguéifate. A partir do vindeiro martes, 10 de decembro, serán os centros escolares do concello de Ames os que se deixen atraer polo seu magnetismo. Ata o 19 de decembro, participarán nesta iniciativa o IES Plurilingüe de Ames, o IES do Milladoiro, o CEIP A Maía, o CEIP de Ventín e o CEIP Agro do Muíño. Serán un total de trece obradoiros, dirixidos a alumnado de 5º e 6º de primaria e do primeiro ciclo ESO, impartidos por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.

O obxectivo principal destes obradoiros é poñer en valor a regueifa, incentivar a súa práctica e difundila entre a infancia e a mocidade. Esta formación para escolares é unha das accións principais do Enreguéifate, o proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, encamiñado a promover a improvisación oral de xéneros galegos de improvisación oral en verso, para contribuír á vez á promoción do uso da lingua galega.

En paralelo ás actividades formativas, o Enreguéifate organiza un certame de regueifas en vídeo. O prazo de participación estará aberto do 20 de xaneiro ao 20 de marzo de 2025 e a inscrición poderá facerse dende a páxina web do certame, onde xa están dispoñibles as bases.

Co lema Enreguéifate, puro magnetismo!, esta oitava edición volverá contar con dúas categorías: xeral e escolar. Como novidade, este ano amplíanse de seis a oito os premios por cada unha delas. Así, amais dos xa tradicionais regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira. Os galardóns entregaranse no mes de maio nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.

O magnetismo da regueifa espállase polos centros escolares de Ames

Multimedia

  • O magnetismo da regueifa espállase polos centros escolares de Ames