- Tematica
Tras a primeira masterclass de psicoloxía e sexualidade feminina que se celebrou o pasado 19 de abril en Bertamiráns, o vindeiro martes 27 de abril, entre as 11:00 e as 13:00 horas, pecharase o programa na Casa de Cultura do Milladoiro. A actividade chega a Ames a través dunha subvención do “Pacto de Estado” e co lema “Ames en Igualdade: empoderamento sexual feminino”. A inscrición é gratuíta e pode facerse a través do enderezo electrónico infoigualdade@gmail.com ou do whatsapp 682 660 580. O aforo é limitado. Poderase seguir vía streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
A campaña de información “Ames en Igualdade: empoderamento sexual feminino” chegou ao concello coincidindo coa celebración da I Feira do Ben-Estar que se desenvolveu no Pazo da Peregrina os días 10 e 11 de abril. Neste marco instalouse a caravana itinerante informativa que complementa ás clases de psicoloxía e sexualidade para mulleres que en Ames se desenvolven en dúas xornadas diferentes: o pasado 19 de abril impartiuse en Bertamiráns, mentres que no Milladoiro será este martes 27 de abril.
As campaña basease na premisa de que “moitas mulleres aínda manteñen unha relación de estrañeza, confusión e rexeitamento cara ao seu propio corpo”, segundo comenta a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo. “Falar de sexualidade case nunca foi un tema fácil, máis ben todo o contrario e sobre todo si es muller. Aínda está considerado como un tabú social, como si as mulleres non tivésemos dereito a sentir pracer, pero si obriga de dalo. Reprimidas, xulgadas e cousificadas ao longo da historia, isto unido ás mensaxes socioculturais e relixiosas e a ausencia dunha educación sexual de calidade e sumado en moitos casos a experiencias negativas ou traumáticas, provoca unha grande inseguridade persoal en moitas mulleres e que se asimilen con facilidade estereotipos, prexuízos e falsas crenzas. Todo isto fai que as mulleres tamén teñamos que loitar pola liberdade e o empoderamento no terreo sexual”, explica Luísa Feijóo.
“Non todas coñecemos o noso corpo -engade a concelleira- tampouco se nos ensina a facelo, de aí a importancia de ensinar ás mulleres a conectar coa súa sexualidade. Trátase dunha viaxe de transformación para a muller no que inflúe a educación, os estereotipos... para chegar a nosa propia sexualidade, o coñecemento do noso propio corpo e da nosa mente”. “Xa é hora de rachar barreiras, de compartir, de falar alto e claro, de soltar os nosos medos, vergoñas e tabús”, conclúe Luísa Feijóo.
Debido ás restricións de aforo que haberá no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para poder asistir a dita masterclass, vaise a emitir esta clase de psicoloxía e sexualidade vía streaming, a través da canle de Youtube do Concello de Ames, co obxectivo de chegar ao maior número de mulleres amesás.
Pautas para o empoderamento sexual
O díptico preparado polo departamento de Igualdade da pautas sobre as actitudes a adoptar para lograr ese empoderamento e resume en 10 tips as recomendacións para acadar unha vida sexual plena e satisfactoria. Fala de seleccionar rigorosamente as fontes de consulta e reducilas a expertos/as; incide na necesidade de escoller o modelo sexual propio; abandeira o lema “o teu corpo é o teu aliado”; recomenda adestrar a mente e xestionar ben as emocións.
Matiza que en materia de sexo non hai normas preestablecidas nin límites ao pracer; enxalza os valores de dignidade, respecto e autoestima como cimentos para que a sexualidade sexa segura, satisfactoria e realmente pracenteira; conmina á comunicarse coa parella e a chegar a acordos nas relacións sexuais: “a túa parella non ten porque adiviñar o teu pensamento”; e, por último, convida ás mulleres a cumprir fantasías persoais ou compartidas, sempre baixo a premisa do respecto a unha mesma e aos/as outros/as.
A campaña “Empoderamento sexual feminino en igualdade” inclúe mensaxes como “Apaga o interruptor da racionalidade e acende o da fantasía e a luxuria”, “A saúde sexual é importante: máis vale previr que curar” ou “Os teus mínimos son en realidade a base de todo”. Toda a campaña está orientada a mellorar a saúde sexual das veciñas de Ames.