Pestanas principais

O mércores, 9 de outubro, comeza unha nova edición do Club de lectura do Milladoiro

Martes, 08 de outubro de 2013

[08-10-2013] Ler e comentar o que se le, viaxar aos lugares que se citan nun conto ou ver xuntos a película que se fixo sobre unha novela son algunhas das actividades do Club de lectura para adultos que se organiza na biblioteca do Milladoiro. O club realízase ao abeiro das campañas de animación á lectura que durante todo o ano desenvolven as bibliotecas municipais. Todas as persoas que estean interesadas en inscribirse no Club de lectura do Milladoiro deben anotarse chamando ao número de teléfono 662 371 723 ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.org. O prazo de inscrición está aberto durante todo o curso. Este mércores 9 de outubro, ás 21:00 horas, realizarase a primeira xuntanza deste Club para elixir os libros cos que se traballarán durante este curso.

Existe unha enorme variedade de programas e actividades destinados ao fomento da lectura para os nenos e nenas, pero, moitas veces, esquecese que os adultos poden precisar un empurrón para comezar a ler con asiduidade ou retomar un hábito de lectura perdido. Para iso creáronse os clubs de lectura de adultos, que naceron dentro das actividades de animación á lectura que as bibliotecas municipais desenvolven con regularidade ao longo de todo o ano.

Este mércores, 9 de outubro, comeza unha nova edición do Club de lectura do Milladoiro. Na primeira reunión os participantes elixirán os autores e os libros cos que traballarán ao longo do curso. Tamén terán que decidir o día da semana no se xuntan para falar das lecturas realizadas. O prazo para apuntarse nesta actividade está aberto durante todo o curso. Para inscribirse hai que chamar ao número de teléfono 662 371 723 ou enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.org.

Esta actividade terá unha periodicidade quincenal. Os membros do Club de lectura do Milladoiro xuntaranse cada quince días na Biblioteca do Milladoiro. Nas súas xuntanzas elixirán libros en grupo, establecerán un prazo para ler un certo número de páxinas e despois comentalo, destacar frases curiosas e xerar un debate ao redor del regulado por un moderador. Está actividade está aberta á participación de todos os adultos que queiran volver coller os libros.

Nos clubs de lectura intercambiaranse ideas e opinións sobre as lecturas realizadas, visitaranse lugares citados nos contos e nas novelas, veranse as películas realizadas sobre as obras, e, en definitiva, complementarase a lectura con outras actividades que fagan máis amena e máis activa a participación no club.

Lecturas do curso pasado
Durante o curso pasado leron varias obras entre as que se atopaban El viaje a la felicidad, de Eduard Punset, La sociedad de los números primos, de Paolo Giordano, e La casa de los espíritus, de Isabel Allende. Ademais, como novidade traballaron co cómic alternativo Maus. Relato de un superviviente, creado polo historietista estadounidense Spiegelman.

O principal obxectivo do Club de lectura é que os participantes se familiaricen coa lectura en voz alta, perdendo o medo a ler fronte aos demais. Ademais, farase un resumo e unha breve biografía do autor coas principais ideas que se queiran transmitir para contextualizar a obra. Para levar a cabo esta dinámica, o grupo ten que ler un libro elixido por todas/os, nun prazo previamente establecido, e despois comentalo e abrir un debate arredor da súa temática.

Pero este tipo de actividades non só potencian o uso da lectura, senón que van máis aló. Ademais, dentro das actividades de dinamización da lectura realizan saídas literarias. En definitiva, complementan a lectura con outras actividades que fagan máis amena e máis activa a participación no club.