Pestanas principais

O Milladoiro acolle este sábado a gala de entrega de premios do XXI Certame Literario

Xoves, 06 de xuño de 2024

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este sábado, 8 de xuño, a gala de entrega de premios do XXI Certame Literario do Concello de Ames, a partir das 12:00 horas. O acto estará presentado pola xornalista e escritora, Nazaret López. Haberá actuacións a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames: agrupación de violín (iniciación), grupo combo folk e alumnado de música e movemento. A entrada será libre e gratuíta.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a tradicional gala de entrega de premios do XXI Certame Literario Concello de Ames. Será este sábado, 8 de xuño, ás 12.00 horas. Estará conducida pola xornalista e escritora, Nazaret López.

O acto será aberto para calquera persoa que queira asistir e contará coa presenza de todas as persoas premiadas nesta edición e de representantes do xurado encargado de avaliar os textos presentados ao concurso. A parte musical correrá a cargo dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames. Deste xeito, actuará a agrupación de violíns (iniciación), o grupo combo folk e mailo alumnado de música e movemento.

Os traballos gañadores proceden de 11 concellos distintos
O xurado da vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames, nunha xuntanza celebrada o 29 de maio, acordou de maneira unánime os textos gañadores de poesía e narrativa do concurso. Nesta edición recibíronse traballos de toda Galicia e doutros puntos máis afastados da nosa xeografía.

Os traballos gañadores proceden dun total de 11 concellos distintos, espallados por toda a xeografía galega. Entre a listaxe de obras premiadas atópanse textos procedentes de Ames, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Cambados, Santa Comba, Brión, Nigrán, A Laracha, Allariz e Lugo. No concello amesán quedan dous galardóns: o terceiro premio da primeira categoría na modalidade de poesía e o primeiro premio da terceira categoría na mesma modalidade de poesía. Preme aquí para consultar a acta da reunión do xurado, cos nomes das persoas premiadas e os títulos das obras.

179 traballos presentados
A categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de poesía, á que se presentaron 64 traballos. Na mesma franxa de idade na modalidade de narrativa recibíronse 57 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 21 e 11 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 11 e 14 traballos, respectivamente. En total, participan no concurso 96 textos poéticos e 82 textos narrativos.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un concurso de referencia para moitos autores e autoras en lingua galega e porque acade, de novo, altas cifras de participación.

O Milladoiro acolle este sábado a gala de entrega de premios do XXI Certame Literario

Multimedia

  • O Milladoiro acolle este sábado a gala de entrega de premios do XXI Certame Literario