- Tematica
Tras sete anos de parón dende a súa anterior edición, a Milla Urbana Concello de Ames volve neste 2022 ao Milladoiro. Trátase dunha carreira curta, na que as persoas participantes deberán percorrer un circuíto urbano de entre 200 metros e unha milla, dependendo da idade. Calquera persoa pode participar nesta proba, con ou sen licenza federativa e sen límites de idade. A proba desenvolverase o domingo 25 de setembro a partir das 9:00 horas, na zona da área deportiva da travesía do Porto, no Milladoiro. A inscrición, de balde, poderá realizarse ata o mércores 21 ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón.
A Milla Urbana Concello de Ames volve o domingo 25 de setembro, na que será a súa décimo sexta edición. Deste xeito, a Concellaría de Deportes recupera un evento deportivo que levaba sen celebrarse dende o ano 2015, en conxunto coa Federación Galega de Atletismo.
A proba, na que pode participar calquera persoa sen límite de idade, contará cun circuíto urbano de entre 200 metros e unha milla, dependendo do ano de nacemento das persoas participantes. En total hai 14 categorías: a pitufo, de 0 a 4 anos, na que percorrerán uns 200 metros; os prebenxamíns, nados e nadas no 2015, 2016 e 2017, que farán 300 metros; os sub10, sub12, sub14 e sub16, nados entre o 2007 e o 2014, que correrán un quilómetro; e as categorías sub18, sub20, sub23, sénior e máster 1, 2, 3 e 4, que farán unha milla, equivalente a 1,61 quilómetros aproximadamente.
Horarios, premios e regulamento
As carreiras comezarán entre as 11:00 e as 12:45 horas na travesía do Porto, no Milladoiro. Antes, a partir das 9:00 horas habilitarase un punto no aparcadoiro da área deportiva do Milladoiro para a retirada de dorsais, que se poderá realizar ata media hora antes das probas.
As persoas participantes deberán colocarse na saída cinco minutos antes do comezo da proba. Durante a carreira, deberán portar o dorsal-chip, que os seguirá ao longo do percorrido, baixo o control do comité de xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Recibirán trofeos os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría, masculinos e femininos. A entrega de trofeos farase ao rematar a carreira na área deportiva do Milladoiro, na travesía do Porto. Non haberá premios nin trofeos para os/as participantes das categorías prebenxamín e pitufo, nas que se entregará un agasallo a cada participante.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Regresa la Milla Urbana de Ames, con inscripción gratuita"
Enfoques: "El Milladoiro acoge la XVI Milla Urbana Concello de Ames el domingo 25 de septiembre"
AMSGO!: "A XVI Milla Urbana Concello de Ames volve ao Milladoiro sete anos despois"