Pestanas principais

O Milladoiro acollerá este domingo o desfile e concurso de disfraces do Entroido en Ames

Xoves, 27 de febreiro de 2025

O Concello de Ames e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) organizan este domingo, 2 de marzo, o concurso e desfile de Entroido de Ames, que se celebrará no Milladoiro. A saída será ás 17.00 horas desde o aparcamento da Casa da Cultura. En total, entre todas as categorías, repartiranse 2.400 euros en premios. Hai máis de 200 persoas inscritas para o desfile deste domingo. Por outra banda, o luns, 3 de marzo, terá lugar o concurso de disfraces infantil en Bertamiráns. Os nenos e nenas que queiran participar, teñen a posibilidade de inscribirse o propio día do concurso. Pódese consultar as bases do concurso e desfile de disfraces deste domingo na seguinte ligazón.

Esta semana estanse a desenvolver as diferentes actividades que forman parte da programación do Entroido en Ames, que este ano busca unha gran participación da veciñanza. Así mesmo, está previsto para este domingo, 2 de marzo,  o desfile e concurso de disfraces do Milladoiro, unha das actividades máis destacadas dentro da programación.

O grupo Charanga Mekánica será o encargado de dar comezo a un desfile que comezará ás 17.00 horas e levará ás carrozas participantes deste ano polas diferentes rúas do Milladoiro. A saída será desde o aparcamento da Casa da Cultura do Milladoiro, continuando pola rúa Pardiñeiros ata Agro do Medio, seguindo pola rúa Agro da Madalena e subindo pola rúa Cereixos para finalizar de novo no aparcamento da Casa da Cultura.

Unha vez finalizado o desfile, será o lugar da entrega de premios e, ademais, haberá unha festa final amenizada de novo pola Charanga Mekánica.

Establécense  tres categorías segundo o número de participantes: individual (de 1 ou 2 persoas); grupos pequenos (de 3 a 10 persoas); e grupos grandes (máis de 10 persoas). Na categoría individual outorgaranse tres premios: 100 euros para o primeiro premio, 75 euros para o segundo; e 50 para o terceiro. Na categoría de grupos pequenos os premios serán de 300 euros para o primeiro, 200 para o segundo, e 100 euros para o terceiro. Na categoría de grupos grandes entregaranse tamén tres premios: 500 euros para o primeiro premio, 300 para o segundo e 150 euros para o terceiro.

Pódese consultar as bases do concurso e desfile de disfraces deste domingo na seguinte ligazón.

A recollida de dorsais realizarase o propio domingo, 2 de marzo, de 15.30 a 16.30 horas. Ademais, nese mesmo horario, estará aberta a inscrición de forma presencial para participar no desfile. Ata o momento, participarán máis de 200 persoas nas tres categorías, destacando a participación de 5 carrozas na categoría de grupos de máis de 10 persoas.

Concurso de disfraces infantil
Por outra banda, o luns 3 de marzo terá lugar a festa e concurso de disfraces infantil en Bertamiráns, no que, ata o de momento, hai inscritos máis de 60 nenos e nenas. A rapazada interesada en participar, aínda pode apuntarse o propio día do desfile. Terán que facelo na praza da Maía, de 15:30 a 16.30 horas. Ademais, nese mesmo horario, realizarase a entrega de dorsais para os participantes.

Ás 17.00 horas dará comezo o concurso, que estará presentado por diferentes monitoras e monitores da empresa amesá de animación infantil Biosbardos. Así mesmo, os pequenos poderán gozar dunha tarde de Entroido chea de música, na que haberá picadiscos e obradoiro de maquillaxe ao longo de todo o serán.

Para o concurso de disfraces infantil, establecéronse  dúas categorías segundo o número de participantes: individual (de 1 ou 2 persoas  ata 12 anos cumpridos) e grupos (máis de 3 persoas ata 12 anos cumpridos). Na categoría individual haberá tres premios: 75 euros para o primeiro, 50 euros para o segundo e 25 euros para o terceiro. Na categoría de grupos os importes dos premios son 250 para o primeiro, 150 euros para o segundo e 75 para o terceiro.

Pódese consultar as bases do concurso de disfraces infantil do vindeiro luns 3 de marzo na seguinte ligazón.

Festa de Entroido
Por outra banda, o vindeiro sábado 1 de marzo celebrarase a Festa de Entroido, onde as persoas que se acheguen ata a Praza da Maía, en Bertamiráns, poderán gozar dunha exhibición de baile a cargo do Club deportivo de baile Danzaya e unha actuación musical de Dani Barreiro. Haberá unha carpa instalada.

O evento comezará ás 17.00 horas coa exhibición de Danzaya, composta por 18 actuacións de diferentes estilos de baile, entre eles baile moderno, funk, hip-hop ou k-pop. Arredor das 18.30 horas terá lugar a actuación de Dani Barreiro, que amenizará a tarde ata o final de festa. 

O Milladoiro acollerá este domingo o desfile e concurso de disfraces do Entroido en Ames

Multimedia

  • O Milladoiro acollerá este domingo o desfile e concurso de disfraces do Entroido en Ames
  • O Milladoiro acollerá este domingo o desfile e concurso de disfraces do Entroido en Ames