- Tematica
As festas da Madalena do Milladoiro serán 4 días repletos de actividades e actuacións, que comezarán este venres coa novena edición do festival Millarock. Ademais, este ano como novidade, antes do comezo do festival, ás 20.15 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, haberá un encontro aberto denominado Música e Lingua a cargo de Xosé Bocixa, Laura Romero e Paco Cerdeira do grupo Zënzar. O sábado, a actuación musical da noite correrá a cargo do grupo PK2 e a orquestra Cinema. O domingo actuarán o dúo La Rosa e maila orquestra Ciclomanía, mentres que o o luns, último día das festas, actuarán na verbena o grupo Unión y Fuerza e a orquestra Furia Joven.
Este venres, 2 de agosto, comezan as festas do Milladoiro coa novena edición do festival Millarock, no que se poderá gozar coa música dos grupos Cuarta Xusta, Zënzar, Nao e Dios ke te crew. Os concertos comezarán ás 21.00 horas, co obxectivo de que as familias con nenas e nenos pequenos tamén teñan a posibilidade de achegarse ao concerto. Organizado polo Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames.
Este ano como novidade, antes do comezo do festival, ás 20.15 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, haberá un encontro aberto denominado Música e Lingua a cargo de Xosé Bocixa, Laura Romero e Paco Cerdeira do grupo Zënzar. Farán un repaso da nosa música contemporánea e do papel da muller nela. Laura Romero conversará cos asistentes sobre o seu proxecto Músicas galegas ilustradas, co que busca darlle visibilidade ás mulleres músicas de Galicia; mentres que Xosé Bocixa fará unha percorrido pola historia do rock galego e Paco Cerdeira falará de como viviu el a chegada a Galicia dende México e como trasladou ese cambio á música.
As festas do Milladoiro continúan este sábado, 3 de agosto, as 10.00 horas, co tradicional lanzamento de bombas anunciando o comezo de festas. Xa pola noite, ás 22.30 horas, contarase coas actuacións do grupo PK2 e da orquestra Cinema. O domingo, 4 de agosto, ás 12.30 horas, farase a tradicional procesión dende o comezo da avenida Rosalía de Castro ata a Capela da Madalena, seguida dunha misa ás 13:00 horas. Unha vez rematada a misa haberá sesión vermú a cargo da orquestra Ciclomanía. Pola noite, ás 22.00 horas, haberá verbena amenizada polo grupo La Rosa e a orquestra Ciclomanía.
O luns, 5 de agosto, último día das festas, haberá un pasarrúas pola mañá a cargo da charanga Tíralle do aire. Ás 21:00 horas terá lugar unha misa solemne na Capela da Madalena, seguida do traslado da Virxe a súa Capela, ás 21:30 horas. Durante a noite, a partir das 22:00 horas, a verbena será amenizada polo grupo Unión y Fuerza e pola orquestra Furia Joven. Ademais, haberá servizo de polbería a cargo de Pulpería García.
Ligazóns:
Compostela 24 horas: "Milladoiro celebra as súas festas cunha programación chea de música"
El Correo Gallego: "Despiden con procesión y música las fiestas de Milladoiro"