Pestanas principais

O Milladoiro conta cunha nova igrexa que dispón de 3.000 metros de superficie útil

Luns, 20 de marzo de 2017

[20-03-2017] Este domingo, 19 de marzo, a parroquia do Milladoiro realizou un acto no que se inaugurou a nova igrexa desta localidade, que está situada na contorna da rúa Muíño Vello (detrás do instituto). Este acto estivo presidido polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, e contou coa presenza do párroco do Milladoiro, José Manuel Guldrís, o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo presidente da cofradía da Madalena, Alfredo Taboada, entre outras autoridades. Este equipamento dispón duns 3.000 metros cadrados nos que se integran o templo relixioso, despachos, salas de usos múltiples, unha capela, un columbario e unha zona de estacionamento.

Trámites previos para obter a parcela
Cómpre lembrar que o Concello de Ames realizou os trámites necesarios para dar cumprimento ao convenio asinado co Arcebispado de Santiago de Compostela no ano 2001 que tiña como obxectivo a cesión dunha parcela no Milladoiro destinada á ubicación dunha igrexa. A parcela que se cedeu obtívose grazas á modificación puntual dos plans parciais do S-14 “Travesía do Porto norte” e S-16 “Galdrachán” aprobada en novembro de 2012.

O obxectivo desta modificación puntual era redistribuír as zonas de uso público e os espazos verdes públicos destes dous sectores para poder xuntalos. Deste xeito, conseguiuse unha parcela para construír un novo equipamento público de grandes dimensións e reorganizar os espazos verdes públicos, tan escasos na zona do Milladoiro.

O acordo para esta cesión acadouse en febreiro de 2001. Nesa data, o Concello de Ames e o Arcebispado de Santiago de Compostela asinaron un convenio en virtude do que o Arcebispado cedía ao Concello tres parcelas para uso municipal (en Ortoño e no Milladoiro) e no que a Administración local se comprometía a ceder ao Arcebispado unha parcela de 2.000 metros cadrados para a instalación dun equipamento relixioso no Milladoiro. Aínda que en 2007 houbo un intento de ceder unha parcela, finalmente non se levou a cabo. Finalmente, no Pleno de xuño de 2013 a corporación municipal aprobou de xeito definitivo o expediente de desafectación da parcela do Milladoiro para un equipamento relixioso.

O Milladoiro xa conta dende este domingo cun novo centro parroquial. O acto de inauguración, presidido polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, comezou as 11:00 horas. Nel tamén estiveron o párroco do Milladoiro, José Manuel Guldrís, o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo presidente da cofradía da Madalena, Alfredo Taboada, así como outros membros do goberno e da corporación municipal. Durante este acto interviron o arcebispo de Santiago e mailo párroco do Milladoiro, así como o arquitecto responsable da construción desta nova infraestrutura, David Fernández, que explicou como se executou este edifico dende o seu inicio no ano 2015.

De seguido, inaugurouse unha exposición fotográfica sobre os dezasete anos de vida parroquial do Milladoiro e realizouse unha visita ao primeiro columbario da diocese e á capela que se atopa dentro deste equipamento. Posteriormente, o novo centro parroquial foi consagrado polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, que presidiu a primeira eucaristía oficiada neste templo. Un gran numero de veciños e veciñas do Milladoiro asistiron a este acto litúrxico que se prolongou durante preto de dúas horas. Para finalizar celebrouse un xantar a partir das 15:00 horas.

Este equipamento dispón de 3.000 metros cadrados onde se integran a novo templo, que ten unha superficie útil duns 1.200 metros cadrados aproximadamente e un aforo para 600 persoas (500 sentadas na nave principal e outras 100 nos laterais e na zona elevada para o coro en fronte ao altar). Deste xeito, triplícase o aforo que tiña o local dedicado a esta función. O tempo relixioso ocupa un terzo da superficie útil do edificio que dispón de tres plantas. Na execución deste equipamento investíronse 1,9 millóns de euros.

Por outra banda, o edifico dispón dunhas dependencias parroquiais repartidas nuns 800 metros cadrados (catro aulas separadas por paneis móbiles para dedicar a múltiples usos). Tamén dispón de tres vivendas con cociña e aseos, un sótano de 700 metros cadrados cunha zona de estacionamento con 26 parazas de estacionamento. Por último, cómpre destacar que existen 256 columbarios con capacidade para catro furnas cada un e unha capela que está pegada a dito columbario. A escasos metros do edificio levántase un campanario de 22 metros de altura que foi feito dunha soa peza.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los vecinos de Milladoiro abarrotan su nueva iglesia"
El Correo Gallego: "Milladoiro aplaude su iglesia"
La Voz de Galicia: "Los vecinos de Milladoiro estrenan su iglesia"