Pestanas principais

“O mozo da última fila” pecha este venres 28 un xaneiro de teatro en Bertamiráns

Martes, 25 de xaneiro de 2022

Para pechar o mes de xaneiro da programación de artes escénicas de Ames deste semestre, o venres 28 de xaneiro, ás 20:30 horas, a compañía Redrum Teatro leva á Casa da Cultura de Bertamiráns “O mozo da última fila”. Trátase dunha comedia que se centra en Claudio, un estudante de dezasete anos que non soporta as clases, e en Xermán, o seu profesor de Lingua e Literatura, co que empeza a compartir relatos a raíz dunha redacción sobre unha fin de semana na casa dun amigo. As entradas poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“O mozo da última fila” transmite a necesidade de contar e escoitar historias, e de formar parte e de imaxinarnos dentro delas. Como parte dunha tarefa de fin de semana para o instituto, Claudio, un rapaz de dezasete anos, redacta unha historia sobre a familia do seu amigo Rafa Artola, á que consegue coñecer na súa casa e coa que levaba obsesionado todo o verán. O texto sobresae por riba dos demais e chama a atención do seu profesor de Lingua e Literatura, Xermán, que queda intrigado  pola capacidade de observación do mozo.

Dende ese primeiro traballo para clase, a relación entre alumno e mestre muda. Claudio continuará escribindo sobre os Artola e compartindo os textos con Xermán, manipulando a vida da familia para adaptarse aos requirimentos dunha boa novela que lle indica na clase o seu docente: profundar nos personaxes, o factor sorpresa, conflitos, un bo título ou a necesidade dun gran final imprevisible. Do que non se decata Xermán ao engancharse ás redaccións de Claudio é de que o seu afán por reescribir as vidas alleas non só chega aos Artola, senón que tamén lle acabará afectando a el.

“O mozo da última fila” é unha das obras máis destacadas do dramaturgo Juan Mayorga (Madrid, 1965), polo que recibiu o premio Max ao mellor autor en 2008, e que o director francés François Ozon adaptou ao cinema. O filme “Dans la maison”, estreado en 2012, gañou a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e o Premio da Prensa FIPRESCI no Festival de Toronto.

Ademais, o texto da representación foi seleccionado no ano 2018 como parte das campañas de animación á lectura dos centros de educación secundaria. Por este motivo, o departamento de Cultura decidiu enviar varios convites aos institutos amesáns, co fin de que sorteen ou repartan estas entradas entre o seu alumnado.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Teatro de Juan Mayorga con ‘O mozo da última fila’"

“O mozo da última fila” pecha este venres 28 un xaneiro de teatro en Bertamiráns

Multimedia

  • “O mozo da última fila” pecha este venres 28 un xaneiro de teatro en Bertamiráns
  • “O mozo da última fila” pecha este venres 28 un xaneiro de teatro en Bertamiráns
  • “O mozo da última fila” pecha este venres 28 un xaneiro de teatro en Bertamiráns
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for