- Tematica
As actividades da programación de Nadal, organizadas conxuntamente por diversos departamentos municipais, continúan esta semana coa chegada de Papá Noel ao Milladoiro e Bertamiráns os días 22 e 23 de decembro. Ademais, haberá sesións de contacontos e actividades musicais para todas as idades. Ademais, o venres 22 haberá unha nova sesión do AmesOn infantil a cargo de "Pitusa Semifusa" e o sábado 23 represéntase "Mary Poppins, el musical".
A programación do Nadal do Concello de Ames, que comezou o 9 de decembro co acendido do alumeado municipal, continúa esta semana con numerosas actividades para todas as idades.
Música, deporte e contacontos
Vai ser unha semana chea de música que comezou hoxe, 19 de decembro, coa visita do Coro e do grupo de pandeiretas de maiores aos máis pequenos na escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns, ás 11:00 horas. Tamén se vai celebrar o AmesON de Nadal coa actividade “Pitusa Semifusa”, dirixida ás crianzas, o 22 de decembro ás 19:30 horas na Casa dos Maiores de Bertamiráns.
Ademais, o sábado 23 de decembro, ás 20:00 horas, a academia de danza Balancé interpretará “Mary Poppins, el musical” no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden mercarse no local da academia ou a través do teléfono 616 83 59 38. Os cartos das entradas destinaranse integramente á fundación Aladina, adicada a axudar a nenos e adolescentes con cancro e ás súas familias, e á fundación UCIM, unha fundación turca que recada fondos para axudar ás nenas que sofren abuso en Turquía.
Por outra banda, a Biblioteca de Bertamiráns organiza tres sesións de contacontos para nenos con contos de Nadal. Estas sesións serán os días 19, 20 e 21 de decembro ás 17:30 horas.
Tamén vai haber espazo para o deporte: o venres 22 de decembro; ás 16:30 horas, o club de patinaxe artística Sarela celebra a súa gala de Nadal no pavillón de Bertamiráns.
Visitas de Papá Noel
Papá Noel visitará un ano máis o concello de Ames. O día 22 de decembro achegarase ao Centro Social do Milladoiro (no local do antigo centro de saúde), mentres que o sábado 23 estará na Casa dos Maiores de Bertamiráns. En ambos casos as visitas serán en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas.
Todos aqueles rapaces e rapazas que acudan a saudar a Papá Noel levarán un detalle como agasallo, e poderán facerse unha foto con el xa que haberá un photomaton.