- Tematica
O Obradoiro Ames, equipo filial do Monbus Obradoiro que compite na Liga EBA de baloncesto, arrinca este domingo 9 de outubro a súa primeira tempada en Ames, despois do acordo asinado entre o Concello, o Monbus Obradoiro e maila Fundación Heracles para que dispute os seus encontros como local no pavillón municipal do Milladoiro. Neste senso, o debut será na propia vila amesá, ás 17:30 horas, recibindo ao Calvo Basket Xiria. Ademais de poder asistir de balde ao partido, todos os encontros como local que xogue o Obradoiro Ames poderán seguirse en directo a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
A primeira tempada do filial do Monbus Obradoiro en Ames comeza esta fin de semana cun encontro na casa, no pavillón municipal do Milladoiro, onde recibirán ao conxunto carballés Calvo Basket Xiria. O Obradoiro Ames, que estrea nome e sede neste curso, debutará o domingo 9 de outubro ás 17:30 horas, na que será a primeira xornada da Liga EBA 2022-2023.
O filial do equipo obradoirista pasou a denominarse Obradoiro Ames e a mudar a súa sede ao Milladoiro tras un acordo entre o Concello de Ames, o Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles. Ademais de que o filial dispute os seus partidos como local na vila amesá, o acordo inclúe outros beneficios, como un 10% de desconto acumulable nos abonos do Monbus Obradoiro, invitacións para partidos da Liga ACB, a celebración dun adestramento-exhibición do primeiro equipo no Milladoiro, ou a colaboración entre o Obradoiro CAB e a AD Básquet Ames.
Retransmisión en directo dos partidos na casa na canle de Youtube do Concello de Ames
Ademais de poder asistir de balde ao partido, que se disputará no pavillón municipal do Milladoiro, a veciñanza e as afeccionadas e afeccionados obradoiristas poderán seguir este e todos os encontros que xogue o Obradoiro Ames como local no Milladoiro, a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
O conxunto amesán forma parte do grupo A-B da Liga EBA, o cuarto nivel de competición de clubs de baloncesto masculino a nivel español, e no que tamén están os equipos galegos Santo Domingo Betanzos, Mundioma Marín Ence Peixegalego, Calvo Basket Xiria, Porriño Baloncesto Base, Solgaleo Bosco Salesianos, Construcións Riveira – RDM A Estrada, UCOGA Seguros CB Chantada; os conxuntos xixoneses Real Grupo de Cultura Covadonga, Círculo Gijón Baloncesto e Corinto Xixón Basket; así como o CB Frecha de Valladolid; o Cultural e Deportiva Leonesa SAD de León; e o Herda-Ávila Auténtica-O Bulevar abulense.
Novas relacionadas: