Pestanas principais

O obradoiro de teatro do Milladoiro estrea Famos@s

Sábado, 18 de xuño de 2011

[18-06-2011] ¿Qué é a fama? ¿Qué modelos de conduta ditaminan os personaxe coñecidos? ¿Por qué todo o mundo quere ser famoso? O obradoiro de teatro do Milladoiro reflexiona sobre a fama na súa última obra, Famos@s, que, escrita por Nazaret López e dirixida pola autora e polo actor Manel Pardo, se estrea o sábado, 18 de xuño, ás 20:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. O obradoiro reuniu este curso a preto de 20 rapaces e rapazas de entre 7 e 14 anos. Moitos deles é o terceiro curso no que se forman en disciplinas teatrais, participaron xa en outras dúas montaxes e teñen colaborado en actos como a Festa da Mocidade e o Día de Galicia en Ames.

O Obradoiro de Teatro Infantil do Milladoiro creouse hai tres anos ao abeiro das Escolas Culturais do Concello. Desde os seus inicios estivo dirixido pola xornalista e dramaturga Nazaret López. O tamén xornalista e actor Manel Pardo, pai dunha das xoves actrices, sumouse moi pronto ao proxecto colaborando nas clases e nos labores de dirección das montaxes. Case a metade dos rapaces e rapazas que compoñen esta pequena Compañía de Teatro na actualidade, levan formándose no obradoiro desde o principio. Dado o elevado número de solicitudes, este curso o obradoiro ampliou a dúas o número de clases, de xeito que se deu oportunidade a novos e novas alumnas a formarse en técnicas de interpretación.

"Famos@s" é a terceira obra que Nazaret López escribe para o obradoiro. Con anterioridade os alumnos e alumnas estrearon "A invasión dos Pletoriáns" e "Pletoriáns na lúa Alú". Ademais algúns dos alumnos e das alumnas do Obradoiro teñen participado noutros actos oficiais e festivos organizados polo Concello de Ames. Lucía Castiñeira e Martín Bussolari, tamén dirixidos pola súa profesora, presentaron o Día de Galicia en Ames no ano 2010 e Adán Fariña colaborou cun número de baile na última Festa da Mocidade. Ademais Lucía e Martín foron elixidos para formar parte do elenco de actores dun vídeo sobre educación ambiental patrocinado pola Consellaría de Medio Ambiente.

Famos@s, a peza que o obradoiro estrea este sábado narra a situación que se produce cando o alumnado dun Instituto confunde a Adán, un alumno novo, con Alex Guayabo, un famoso-famosísimo bailarín de break dance. A chegada de Adán ao centro escolar provoca unha serie de equívocos entre os alumnos e as alumnas que acaban por pensar que Adán é en realidade Alex Guayabo que ven estudar de incógnito ao Instituto. Os conflitos serven ademais para reflexionar sobre que é e que supón "a fama" na sociedade na que vivimos.

A peza será interpretada por Adan Fariña, Carolina Buján, Claudia Buján, Gabriel de Souza, Lucia Castiñeiras, María Pardo, Marta Ruanova, Martín Bussolari e Víctor Ferreiro, todos eles, agás Gabriel, veteranos do obradoiro. Integrada na obra principal e como preludio á mesma, os alumnos e alumnas que comezaron este ano a súa formación teatral, Alex López, Ana Veiga, Antón Rivas, Geovana Dayse de Souza e Sarai Penedo, farán un pequeno entremés, "Nube de estrelas", que ademais servirá para poñer, sobre a escena e de xeito sonoro, o título a Famos@s.