[09-03-2016] O Concello de Ames e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, organizaron para este venres, 11 de marzo, unha actividade de observación astronómica no paseo fluvial de Bertamiráns. Esta actividade, que se desenvolverá a partir das 20:30 horas, está dirixida a todos os públicos. Nesta sesión astronómica os participantes poderán observar a Lúa, o planeta Xúpiter, a nebulosa de Orión e unha estrela dobre. Esta actividade enmárcase dentro do programa de divulgación astronómica en Galicia, Todocosmos. Non é necesaria inscrición previa. Será unha sesión aberta a todas as persoas que desexen participar.
Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ames colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, vén de adherirse a este programa no pasado mes de febreiro.
A primeira observación astronómica do programa de actividades de 2016 desenvolverase este venres, 11 de marzo, a partir das 20:30 horas, no paseo fluvial de Bertamiráns. O persoal do observatorio astronómico Ramón María Aller guiará aos participantes para que poidan ver a Lúa, o planeta Xúpiter, a nebulosa de Orión e unha estrela dobre. Para participar nesta actividade non é necesario inscribirse previamente. Trátase dunha actividade aberta a todas as persoas que desexen asistir.
Por outra banda, este ano preténdese impartir algunha das sesións de observación astronómica tamén nas parroquias. Ademais, no alto de San Marcos, terá lugar unha xuntanza para estudar as constelacións dende un observatorio natural privilexiado. O programa inclúe tamén charlas e obradoiros nos centros escolares, das que participan por agora o CEIP Agro do Muíño e o de Barouta, aínda que a concellaría de Medio Ambiente agarda que se sumen máis centros a esta iniciativa.
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.
Para obter máis información sobre esta actividade poden poñerse en contacto coa Aula da Natureza a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665.