Pestanas principais

O orzamento de 2017 reforza o benestar comunitario, o ámbito educativo e maila área de servizos sociais

Venres, 21 de abril de 2017

[21-04-2017] Esta mañá o goberno municipal presentou no salón de actos da Casa do Concello as liñas principais do orzamento de 2017. As tres grandes áreas de gasto deste Concello son a de benestar comunitario con 5.730.000 euros de crédito, en segundo lugar a área de educación á que se dedica 4.270.000 euros, e en terceiro lugar a área de servizos sociais que conta cunha partida que supera os 2.000.000 euros. O novo presuposto recolle partidas para poder comprar terreos que permitan a ampliación do IES de Ames, modificacións do Plan Xeral que permitan a ampliación do CEIP Agro do Muíño, a compra de parcelas para un novo centro educativo no Milladoiro. Ademais, habilítase unha partida económica para a posta en marcha do cemiterio municipal, no que xa se están realizando obras de restauración, e urbanizarase a contorna da zona onde se vai a construír o novo centro de saúde do Milladoiro.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada de facer a presentación do Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2017 xunto co alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. En primeiro lugar Genma Otero destacou que “as tres grandes áreas de gasto deste Concello son a de benestar comunitario con 5.730.000 euros de crédito, en segundo lugar a área de educación á que se dedica 4.270.000 euros, e en terceiro lugar a área de servizos sociais que conta cunha partida que supera os 2.000.000 euros. Este orzamento acada os 23.294.000 euros e blinda a partida de servizos sociais. Ademais, recolle un forte incremento nas cifras de gastos de 1.745.000 euros e de ingresos de 1.238.000 euros”.

A concelleira de Economía e Facenda tamén indicou que “estamos moi contentos de poder presentar estes orzamentos tan esperados, nos que se blindan os servizos sociais, se aposta pola recuperación dos servizos públicos e pola participación que era inexistente en este concello. Un orzamento que supera os 23 millóns de euros, no que se melloran todos os servizos en practicamente todas as áreas e no que os eixos fundamentais son as áreas de benestar social, benestar comunitario, de servizos sociais e educación, que ten unha relevancia moi importante neste concello. Agora toca poñerse a traballar de inmediato na execución do orzamento e comezar a traballar nas grandes liñas do orzamento de 2018, xa que non podemos esquecer que o ideal sería aprobar os orzamentos ano tras ano”.

Asemade, José Miñones indicou que “con estes orzamentos somos quen de poñer en marcha iniciativas que se levan pedindo desde hai moitos anos neste concello, como esa segunda fase de investimentos educativos, xa que aparecerán partidas para poder comprar terreos que permitan a ampliación do IES de Ames, modificacións do Plan Xeral que permitan a ampliación do CEIP Agro do Muíño ou a compra de parcelas para ese novo centro educativo no Milladoiro. Por outro lado, o cemiterio, xa que se dota dunha partida económica para a posta en marcha do mesmo, que xa está nesas obras de restauración. E unha terceira, o centro de saúde do Milladoiro, a reurbanización da súa contorna, recollida no convenio asinado coa Xunta. Só por iso, votar en contra deste orzamento, como fixeron os grupos municipais do Partido Popular e Pacto x Ames así como o concelleiro non adscrito, é unha irresponsabilidade”.

Por outra banda, David Santomil indicou que “o Concello de Ames dá un novo paso importante coa aprobación dos primeiros orzamentos deste goberno, un orzamento que blinda aquelas áreas que establecemos como prioritarias con políticas ligadas aos servizos sociais, fomento do emprego e ao ámbito da educación. O obxectivo deste orzamento é o de seguir a ofrecer máis e mellores servizos públicos, que son os que permiten que ano tras ano Ames sexa un referente neste ámbito e con iso se reforce o atractivo para que veciños e veciñas sigan chegando ao noso concello”.

Liñas principais do orzamento
Na presentación destacáronse as liñas principais de dito documento económico. Deste xeito salientouse a creación dunha partida de 121.000 euros para a creación da renda social municipal; o incremento na prestación do servizo de axuda no fogar (habilítase unha partida de 770.000 euros para ampliar 18.262 horas ao ano); dedicaranse 6.000 euros para o alugueiro de vivenda social con soporte socioeducativo e 100.000 para o acondicionamento dun local social municipal destinado a vivenda social.

Outra novidade que recolle neste orzamento é a implantación do programa Xantar na casa, para persoas maiores e dependentes que teñan limitacións e carezan de apoio familiar e a para persoas en situación de exclusión social. Para esta iniciativa resérvanse 18.000 euros. Establécese unha nova liña de subvencións para rehabilitación de infravivenda e accesibilidade dotada de 40.000 euros, así como outra liña de subvencións, de 40.500 euros, de concorrencia competitiva para as entidades que colaboran na promoción e apoio social para persoas en situación de risco. Refórzase o capítulo de persoal (contratarase un novo/a traballador/a social e ampliarase a xornada da actual educadora familiar); porase en marcha a iniciativa de orzamentos participativos para o investimento no rural (132.000 euros) e farase un estudo da implantación de ditos orzamentos participativos para o 2018 (12.000 euros).

Por outra banda, habilitouse unha partida de 45.000 euros para realizar un estudo da municipalización dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Tamén se reinvestirá no rural a contía recadada a través do proceso de regularización catastral (tralo acordo ao que se chegou coa Federación de Asociacións do Rural de Ames este investimento farase repartido entre os exercicios 2017, 2018 e 2019). No exercicio 2017 investirase no rural 150.000 euros, máis os 132.0000 euros anteriormente mencionado e que se enmarcan dentro do apartado de orzamentos participativos (en total 282.00 euros).

Asemade, cómpre destacar que se dedican 4.270.000 euros ao reforzo da área de educación e servizos complementarios; 452.000 euros ao fomento do emprego; 7.900.000 euros para apostar polo emprego público; 2.300.000 euros en investimentos (capítulo VI) para realizar importantes melloras nas infraestruturas existentes, así como a construción de novos equipamentos; e 11.300.000 euros (gastos correntes) para ampliación, mellora e posta en marcha de novos servizos nas distintas áreas municipais. Por último, conséguese unha amortización da débeda bancaria (244.000 euros/ano en 2012 fronte aos 676.000 euros/ano de 2017) e unha forte redución dos gastos financeiros (296.000 euros no orzamento de 2012 e 45.000 euros no orzamento de 2017).

Tramitación do orzamento
Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Ames, en sesión de data 18 de abril de 2017, aprobou inicialmente o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2017. Segundo o previsto no artigo 169 do Real decreto lexislativo 2/2004, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, sométese a exposición pública este acordo inicial, a efectos de presentación de reclamacións e suxestións perante o Pleno, por un prazo de quince días hábiles a contar dende a data de publicación do presente anuncio no Boletín Oficial da Provincia (20/04/2017). Se non se producen alegacións entenderase aprobado con carácter definitivo a mediados de maio.

Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un documento onde se resumen a estrutura (principais liñas e partidas) de dito orzamento. A este documento tamén se pode acceder dende un banner que está colocado na marxe esquerda da páxina principal da web municipal. Ademais, accedendo á sección de Aviso da web municipal pódese descargar a carpeta que conten o expediente completo da operación de orzamentos de 2017.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Los servicios sociales y la educación, líneas principales de los presupuestos"