Pestanas principais

O parque de Lapido acolle este mércores 22 unha xornada de cultura urbana para a mocidade amesá

Xoves, 16 de decembro de 2021

A Concellaría de Mocidade organiza unha xornada de deporte e cultura urbana no parque de Lapido, en Bertamiráns, aproveitando as recentes melloras realizadas no recinto grazas aos orzamentos participativos de Mocidade e ao investimento da Concellaría de Deportes. Habilitaranse diferentes módulos para realizar skate e parkour, e practicarase slackline e calistenia no seu circuíto de exercicios do parque, inaugurado en xuño de 2020 xunto a outro similar no Milladoiro. As actividades terán lugar o mércores 22 de decembro, o primeiro día de vacacións de Nadal para a mocidade, das 15:00 ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar aforos.

Durante a xornada practicaranse deportes estreitamente vinculados á cultura urbana, como o skate ou o parkour, dúas disciplinas nas que son chave a configuración do entorno e o mobiliario urbano. Para levar a cabo estas actividades, Mocidade habilitará módulos dedicados e pensados para cada un destes deportes. No caso do skate, colocarán ramplas, caixóns e raís, mentres que para a práctica do parkour montarán unha estrutura estable, na que haberá cubos de distintas dimensións, travesos, pirámides, ramplas e pedestais.

A tarde de actividades completarase con slackline e con calistenia, aproveitando o seu circuíto de exercicios situado no parque de Lapido, inaugurado en xuño de 2020 xunto a outro parque de calistenia similar no Milladoiro. O slackline é un deporte de equilibrio que consiste en atravesar unha corda plana entre dous puntos fixos en tensión, útil para mellorar os reflexos, a coordinación e a motricidade. Pola súa parte, a calistenia consiste na práctica deportiva aproveitando o propio peso do corpo, recorrendo a postes estruturais, espaldeiras, xogos de curvas paralelas, aneis de suspensión ou escaleiras, entre outros elementos. Destaca desta disciplina a contribución a desenvolver a forza física, a axilidade e a flexibilidade, ademais de polo feito de que pode practicarse axudándose de obxectos da vida cotiá.

Actuacións dos orzamentos participativos de Mocidade e doutras concellarías

O circuíto de exercicios de calistenia, no que se realizarán estas dúas últimas actividades, é unha das dúas actuacións realizadas a través dos orzamentos participativos de Mocidade tanto no parque de Lapido como na área deportiva do Milladoiro: a outra foi á construción de dous anfiteatros, creados co fin de que a mocidade tivera máis lugares para organizar actividades, eventos ou concertos.

Ás adicións ás instalacións de Lapido do anfiteatro e do circuíto de exercicios sumáronse nos últimos meses outras actuacións. Recentemente, co gallo da celebración do 25N, Mocidade encargou un mural conmemorativo para mellorar o entorno e as inmediacións do anfiteatro, que realizou o artista coruñés Brais R. Ademais, a Concellaría de Deportes vén de acondicionar a pista polideportiva, arranxando a aramada, pintando a propia pista e instalando novas porterías e canastras.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Actividades de cultura urbana o 22 no parque de Lapido que foi renovado"

O parque de Lapido acolle este mércores 22 unha xornada de cultura urbana para a mocidade amesá

Multimedia

  • O parque de Lapido acolle este mércores 22 unha xornada de cultura urbana para a mocidade amesá