Pestanas principais

O parque do Ameneiral acolle este sábado, 14 de outubro, a actividade Xogos do Mundo organizada pola Asociación de Migrantes de Galicia

Xoves, 12 de outubro de 2023

O Concello de Ames colabora coa Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA) na organización da actividade “Xogos do Mundo – Unha viaxe intercultural a través do xogo”, que se vai a realizar este sábado, 14 de outubro, de 17.00 a 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Trátase de que os nenos e nenas que así o desexen, xunto coas súas familias, participen en diferentes xogos tradicionais populares. Esta actividade está subvencionada pola Xunta de Galicia a través do programa de fomento ao voluntariado.

O Concello de Ames, a través do departamento de mediación intercultural municipal, da Concellaría de Benestar Social, colabora unha vez máis coa Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA). Nesta ocasión, organizan unha xornada de xogos tradicionais denominada “Xogos do Mundo – Unha viaxe intercultural a través do xogo”, que se vai a realizar este sábado, 14 de outubro, de 17.00 a 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.

Haberá diferentes xogos populares nos que os nenos e nenas poderán participar. Cada xogo disporá dun cartel onde se explica a procedencia e orixe de dito xogo. Esta actividade xa se realizou o ano pasado dento da Feira de Voluntariado do Concello de Ames. A actividade está financiada a través da subvención da Xunta de Galicia para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado.

A presidenta da Asociación de Migrantes de Galicia, Maite Bustamante, explica que “o obxectivo de dita actividade é dar a coñecer os xogos populares tradicionais. Hai moitos xogos populares que están perdendo porque os nenos e nenas non os coñecen. Trátase de volver á tradición dos xogos populares”. Ademais, indica que “a través desta actividade tamén queremos dar a coñecer a nosa asociación para sumar novos/as voluntarios/as”.  

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, agradece “a implicación que ten a Asociación de Migrantes de Galicia co concello de Ames” e explica que “seguiremos colaborando co AMIGA naquelas actividades e proxectos que nos trasladen porque son iniciativas que crean comunidade”.

Cartaz da actividade Xogos do Mundo organizada pola Asociación de Migrantes de Galicia

Multimedia

  • Cartaz da actividade Xogos do Mundo organizada pola Asociación de Migrantes de Galicia