- Tematica
Este sábado, 22 de abril, celebrarase unha masterclass de baile no parque do Ameneiral en Bertamiráns, a partir das 17:00 horas. Trátase dunha actividade aberta e de balde, pensada para nenos e nenas de todas as idades e para as súas familias. Esta iniciativa, pensada dende o departamento de Deportes do Concello de Ames en colaboración con Danzaya, ten como obxectivo achegarlle á veciñanza a danza nas súas distintas modalidades e fomentar esta práctica deportiva. Para participar non é necesaria inscrición previa.
A danza é unha arte que se basea na expresión corporal, onde se empregan unha secuencia de movementos corporais que acompañan de xeito rítmico á música. Neste caso, búscase fomentar a danza como deporte, como vehículo para expresar sentimentos, canalizar emocións ou liberarnos do estrés. Mediante a masterclass, a rapazada e as súas familias poderán expresarse corporalmente a través de música con diferentes ritmos. Así, tomarán maior coñecemento do seu esquema corporal, e mellorarán a súa musicalidade, a súa fluidez ou o seu ritmo.
O taller, organizado pola Concellaría de Deportes, estará dirixido por seis mestras e mestres do Club Deportivo de Baile Danzaya e desenvolverase entre as 17:00 horas e as 19:30 horas no parque do Ameneiral en Bertamiráns. A masterclass contará con exhibicións, clases dirixidas, talleres de baile e actividades de danza.
A xornada de danza arrancará ás 17:00 cunha clase multidisciplinar na que se van mesturar diferentes estilos de baile como son o baile moderno, a cumbia, o reggaeton ou o fitness. A continuación, a masterclass proseguirá cun taller de estilos urbanos onde os mestres guiarán paso a paso aos asistentes para realizar distintos movementos de baile moderno, hip hop e funky. Seguidamente, haberá outra clase dirixida onde os participantes seguirán as indicacións dos mestres alternando diversos estilos. Tras esta clase serán os propios alumnos e alumnas de Danzaya os que farán unha exhibición de baile e danza. Para rematar a xornada de danza e deporte realizaranse diversas actividades para traballar a expresión corporal, a improvisación ou a fluidez á hora de bailar.
A iniciativa pretende fomentar a danza como deporte, transmitirlle aos participantes que a práctica da danza achega alegría e enerxía, así como, demostrarlle á veciñanza que a danza, tamén, é unha forma de expresar sentimentos, canalizar emocións ou liberar estrés. Ademais, esta masterclass preséntase como unha actividade para gozar e desfrutar en familia.
A xornada de danza e deporte é unha actividade aberta e de balde que non precisa de inscrición previa.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Chaman a todas as familias amesás a participar nunha masterclass de danza este sábado"