- Tematica
O club de Taekwondo TKDenodo organiza, coa colaboración do Concello de Ames e por delegación da Federación Galega de Taekwondo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o campionato provincial en idade escolar das modalidades técnica e freestyle de Taekwondo. O torneo terá lugar o sábado, 13 de abril, no polideportivo do Milladoiro a partir das 9.00 horas. Participan rapaces e rapazas de 6 a 16 anos do programa Xogade. Esta proba clasificará para o campionato galego, que terá lugar o vindeiro sábado, 27 de abril, en Vigo.
A primeira das modalidades en competir será a de técnica a partir das 9.00 horas, na que os participantes realizarán unha combinación de movementos de defensa e ataque coñecidos como pumses. Os deportistas demostrarán a súa execución de técnica e a correcta presentación dos exercicios. Nesta modalidade competirán rapaces e rapazas de 6 a 16 anos correspondentes ás categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.
Por outra banda, a partir das 13.30 horas, desenvolverase a competición da modalidade freestyle, que consiste na realización dunha combinación de libres seguindo a música. Os exercicios realízanse con música e ademais a técnica acompáñanse de saltos e combinacións de patadas e acrobacias. Nesta categoría competirán rapaces e rapazas das categorías infantil e cadete. Ao igual que na anterior modalidade, ao finalizar realizarase á correspondente entrega de premios. O torneo está previsto que remate arredor das 14.00 horas.
Nesta competición participarán deportistas con idade escolar que pertenzan a clubs de toda a provincia da Coruña e que participan no programa Xogade. Os participantes puntuarán para o Campionato Galego de Tekwondo do vindeiro 27 de abril, onde se enfrontarán cos clasificados nos distintos torneos provinciais. Poderán asistir como público ao torneo deste sábado todos aqueles interesados en ver de preto a práctica deste deporte, posto que a entrada será de balde.
Dende o club de Taekwondo TKDenodo animan a todos e todas a que acudan a desfrutar e achegarse a esta práctica deportiva. O taekwondo é un deporte no que os movementos de perna teñen unha gran importancia, cunha depurada técnica na que destacan a rapidez y precisión. Foi declarado deporte olímpico na sesión 103 do Comité Olímpico Internacional celebrada en París en 1994, e fixo o seu debut como tal nos JJOO de Sidney 2000.
Novas relacionadas: