Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle desde hoxe a exposición “A luz da porcelana”, que reúne 300 novas creacións de Chus Cao

Venres, 13 de abril de 2012

[13-04-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, inaugurou esta tarde a exposición “A luz da porcelana”, que ata o próximo 20 de abril amosará no Pazo da Peregrina as creacións máis recentes da artista compostelá Chus Cao. A mostra, que reúne unhas 300 pezas decoradas a man por Chus Cao, contribuirá segundo o alcalde “a consolidar a nosa programación cultural con propostas xenuínas, con selo propio, que acheguen un matiz diferenciador para despertar o interese do público”. “O traballo de Chus recolle todos estes alicientes”, asegurou. Na presentación da exposición, que contou coa participación da propia artista e de diferentes concelleiros da Corporación, Santiago Amor animou a “descubrir ata onde pode chegar a creatividade de Chus Cao no seu traballo minucioso e detallista coa porcelana, ademais de coñecer a súa investigación con novos soportes e con novas técnicas”.


Neste sentido, Amor cualificou “A luz da porcelana” como “unha exposición singular, imaxinativa e heteroxénea que para todos resulta moi próxima tamén pola propia personalidade de Chus, que desenvolve aquí en Ames un importante labor a través do seu traballo como logopeda”. “Hoxe podemos coñecer un pouco máis da súa faceta como artista e creadora que, como comprobaredes, non deixa de medrar”, afirmou. En palabras do alcalde, “estou seguro que esta exposición vai responder con éxito ás expectativas xeradas e vainos permitir avanzar ademais no noso propósito de que o Pazo da Peregrina sexa unha referencia tanto a nivel local como autonómico”. “Queremos que o Pazo da Peregrina forme parte imprescindible todo o ano do voso calendario cultural, poñendo en valor a nosa creación cultural e aos nosos artistas”, engadiu.

A exposición “A luz da porcelana” permanecerá no Pazo da Peregrina ata o próximo 20 de abril e pode visitarse de luns a venres, entre as 17,00 e as 19,00 horas. Reúne unhas 300 pezas decoradas a man pola creadora compostelá a partir dos máis diversos obxectos (cadros, vaixelas, bixutería ou xoiería) con motivos naturais e de inspiración minimalista. O título “A luz da porcelana” está inspirado no feito de que na porcelana non existe a cor branca polo que hai que varrer o material para conseguir a luz. Isto é o que persegue Chus Cao durante o tratamento do material, dotando de luz ás pezas a partir dun laborioso traballo manual.


Esta será a terceira vez que Chus Cao expón no Pazo da Peregrina, onde xa deixou constancia da súa versatilidade. Agora, os que se acheguen á exposición “A luz da porcelana” terán a oportunidade de coñecer a evolución da artista compostelá que, nas súas creacións máis recentes, incorpora novas técnicas e soportes. Entre as novidades desta mostra, destacan pezas singulares como abanos pintados, tocados ou adornos para o cabelo. Ademais, nesta ocasión haberá obras de pintura acrílica e téxtil e traballos de porcelana realizados coa técnica de teceiro lume.

Para Chus Cao, logopeda de profesión, o traballo que realiza coa porcelana xurdiu orixinalmente coma unha afección coa que entreterse, xa que desde moi nova ten empregado a pintura. De xeito autodidacta, comezou en 2005 a centrarse na porcelana e segue ata hoxe, ampliando o seu universo creativo tanto en temáticas como en técnicas creativas.