Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle este mércores a presentación do anteproxecto do mercado municipal de Ames

Martes, 28 de febreiro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa que este mércores, 1 de marzo, realizarase o acto de presentación do anteproxecto do mercado municipal de Ames. Dito acto terá lugar ás 20.30 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e nel participarán o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo redactor do anteproxecto, Jorge Duarte Vázquez, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo. A través desta actuación preténdese rehabilitar a Casa de Barbazán, en Bertamiráns, para albergar unha praza de abastos. Ao mesmo tempo crearase un espazo cuberto específico para crear un mercado dos produtores locais e dos seus produtos de proximidade. Tamén está previsto ordenar o espazo exterior, no que na actualidade está situado o aparcadoiro da Telleira, poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos.

O Goberno municipal conta cun anteproxecto para crear o mercado municipal de Ames que será presentado este mércores, 1 de marzo, no Pazo da Peregrina. Intervirán o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo redactor do anteproxecto, Jorge Duarte Vázquez, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo.

Dita actuación levarase a cabo no núcleo de Bertamiráns, concretamente na contorna da avenida da Peregrina. A superficie do ámbito total de actuación é de 4.431 metros cadrados. Neste ámbito, diferenciase o espazo destinado a aparcamento na actualidade, cunha superficie de 3.303 metros cadrados, e maila parcela onde se atopa a Casa de Barbazán e un hórreo, que conta cunha superficie de 1.128 metros cadrados.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “mañá explicarémoslle á veciñanza e ás asociacións veciñais, que se acheguen ao Pazo da Peregrina, en que consiste este importante proxecto no que levamos tempo traballando. Trátase dunha actuación moi ambiciosa para dotar ao noso concello dun novo servizo como é un mercado municipal no que se apostará polos produtores locais e polos produtos de proximidade”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Pazo da Peregrina acolle esta tarde a presentación do novo mercado municipal"

AMS GO!: "Ames presenta mañá o seu proxecto de mercado municipal"

O Pazo da Peregrina acolle este mércores a presentación do anteproxecto do mercado municipal de Ames