- Tematica
Este mércores, 26 de marzo, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá un coloquio aberto á veciñanza sobre a peza teatral “As desterradas”. Nesta charla participarán Carme Varela, escritora da obra, e Quico Cadaval, director da obra. A actividade terá lugar ás 19.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo. Este encontro é unha actividade de mediación que realiza a compañía Producións Teatrais Excéntricas por estar a realizar unha residencia artística no noso concello.
O Pazo da Peregrina acollerá o vindeiro mércores, 26 de marzo, un coloquio sobre a obra “As desterradas: teatro e memoria histórica”, onde os asistentes poderán descubrir a historia que se agocha detrás desta peza teatral da man da súa autora, Carmen Varela, e do seu director, Quico Cadaval. A charla realizarase ás 19.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo.
Residencias artísticas
Esta proposta é unha actividade de mediación que realiza a compañía Producións Teatrais Excéntricas por estar a realizar unha residencia artística en Ames ensaiando a peza “As Desterradas”, que se representará o vindeiro 28 de marzo no auditorio de Bertamiráns. As entradas para este espectáculo están esgotadas.
As residencias artísticas son unha iniciativa que oferta a Concellaría de Cultura ás compañías profesionais, creadores e creadoras do ámbito das artes escénicas para que poidan desenvolver os seus respectivos proxectos.
Deste xeito, o Concello de Ames pretende apoiar á creación artística do tecido profesional e empresarial, ofrecéndolles aos artistas os espazos e equipamento necesarios para o ensaio e produción dos seus diferentes proxectos escénicos. A cambio, as compañías deberán propoñer unha serie de actividades pedagóxicas orientadas á comunidade educativa, de promoción do teatro, orientadas á creación de novo público e á estrea das novas producións.
Sinopse de "As desterradas"
Nesta peza, ambientada no século XVI, Carme Varela narra a historia dunha pequena comunidade de monxas á beira do miño que se ven ameazadas pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os señores da Igrexa buscan rematar coa resistencia das freiras e non dubidan en comezar a difamalas e ameazalas por todos os medios. A vida das monxas semella continuar coas súas rutinas habituais, mais a ameaza exterior está a piques de chegar ao convento de Albeos.
Deste xeito, plásmase e dáselle voz á realidade que vivían naquel momento as comunidades de mulleres autosuficientes, poderosas por si mesmas e que se resistían a seguir un sistema de opresión contra elas.
Sobre Producións Teatrais Excéntricas
Con máis de dúas décadas de experiencia sobre os escenarios e numerosos premios ás súas costas, Producións Teatrais Excéntricas é un proxecto no que o humor e a comedia xoga un papel fundamental de forma irónica e crítica. Así mesmo, a compañía serve como plataforma de creación dos espectáculos unipersoais de Quico Cadaval e os musicais de Piti Sanz.