Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle este venres, 15 de decembro, unha xornada sobre economía social e solidaria

Xoves, 14 de decembro de 2023

Este venres, 15 de decembro, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle unha xornada sobre a economía social. Trátase dunha xornada lúdica, educativa e de concienciación, que está dirixida a todos os públicos e que inclúe unha mesa redonda, a proxección dun documental ou un mercado de inverno entre outros. Desenvolverase entre as 10:30 e as 20:00 horas. O obxectivo desta iniciativa é achegarlle á veciñanza o xeito de vivir asociado á economía social, baseado no traballo colaborativo.

A economía social basease nun modelo produtivo no que a produción, distribución e consumo dos produtos se organizan de xeito cooperativo, guiados polos principio de solidariedade e non polo lucro. Trátase dun modelo baseado no traballo colaborativo.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, colabora coa Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS Galicia) na organización desta xornada de economía solidaria que busca achegarlle aos amesáns este modo de vida. Será un espazo onde se abordará a economía social e solidaria como motor de cambio e transformación

Levarase a cabo este venres, 15 de decembro. Dende as 10:30 horas o Pazo da Peregrina albergará actividades variadas e para todas as idades. A xornada comezará cunha mesa redonda, entres as 10:30 e as 12:15 horas, sobre experiencias e proxectos.

Posteriormente, ás 12:15 horas, haberá un café-encontro colectivo coa ONG de desenvolvemento Solidariedade Internacional. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, proxectarase o documental “Os pousos do café”, e abrirase un debate que contará cunha degustación de café. A xornada pecharase coa actuación musical familiar de Brais das Hortas!, músico, clown e narrador oral, e cunha chocolatada de Comercio Xusto, de 18:45 a 19:45 horas. Ademais, durante toda a xornada haberá un mercado de inverno.

Cartaz do festival de economía social

Multimedia

  • Cartaz do festival de economía social