- Tematica
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle, durante a xornada de hoxe, 24 de febreiro, a primeira Tribuna académica de sostibilidade urbana no noroeste peninsular. No evento, posto en marcha polos departamentos de Educación e Axenda Urbana do Concello de Ames, en colaboración coas Universidades de Oporto e de Santiago de Compostela, están a participar dende esta mañá distintos docentes e expertos en políticas urbanas, debatendo sobre diversos temas vencellados aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
O acto inaugural deu comezo arredor das 10:00 horas da mañá, e contou coas intervencións do concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil; os profesores da USC e da Universidade de Oporto, Rubén Camilo Lois, María José Piñeira e Jose Alberto Rio Fernándes; e o alcalde de Ames, Blas García.
Abriu a rolda de intervencións o concelleiro David Santomil, que agradeceu a presenza dos representantes das distintas universidades participantes, así como dos integrantes da Corporación municipal e do resto de membros do público. O edil invitou a todos os asistentes a aproveitar para “a reflexión e o debate sobre os grandes retos que temos por diante de cara ás axendas urbanas, a Axenda 2030 e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, nos que estamos a traballar dende o Concello de Ames”.
Por outra banda, o concelleiro sinalou que “é fundamental realizar encontros como este, aos que queremos darlle unha orientación práctica, para poder ir traballando no plan de acción da Axenda 2030. Queremos que sexa unha xornada de participación, posto que nos parece un aspecto fundamental na elaboración das axendas urbanas. Ao longo das distintas conferencias iremos afrontando os grandes retos que se nos presentan dentro do ODS número once, o que fala de comunidades e cidades sostibles”.
Deseguido, interviu a profesora da USC María José Piñeira, membro do grupo de investigación de Análise Territorial, que explicou polo miúdo o programa da Tribuna Académica. Piñeira amosou a súa satisfacción por colaborar co Concello de Ames na organización da xornada, facendo fincapé en que “consideramos importante incluír tanto conferencias como mesas de debate, onde teñamos a oportunidade de participar todos. Temos distintos perfís: dende académicos e profesionais ata educadores e os propios cidadáns. Cremos que esta variedade pode dar lugar a un debate frutífero que nos aporte pautas para definir as accións que se levarán a cabo dentro da Axenda Urbana”.
Posteriormente tivo lugar a quenda do catedrático Rubén Camilo Lois, que engadiu que “as cidades e os espazos urbanos son un escenario central no corto e medio prazo para pensar en como imos encamiñar o noso desenvolvemento territorial futuro. Temos que cumprir os obxectivos de sustentabilidade de cara ao futuro. Este é un foro moi interesante para abordalo, nun espazo como o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, que é un luxo”.
O profesor portugués Jose Alberto Rio Fernándes, pola súa banda, sinalou que “é un gusto ter colaborado na organización deste foro e poder presentar aquí a xeografía de Oporto. Portugal conta cunha boa representación nesta xornada, posto que tamén se atopa aquí persoal da Universidade do Minho”.
Rematou a rolda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que puxo en valor a idoneidade do Concello de Ames para acoller a primeira Tribuna Académica galaico-portuguesa de cidades e comunidades sostibles. O rexedor indicou que “o mellor sitio para facer este tipo de tribunas agora mesmo é Ames. Neste momento comézase a falar das axendas urbanas, pero nós tivemos a sorte e a capacidade de abordar xa o desenvolvemento sostible e urbano para comezar agora a traballar”. Así mesmo, Blas García agradeceu o traballo dos investigadores das universidades presentes e a súa colaboración na organización da xornada, da que, sinalou, “espero que sexa moi frutífera”.
Conferencias e mesas redondas da xornada
A primeira conferencia do foro correu a cargo de Teresa Sá Marques, da Universidade do Porto, baixo o título “Territorio, ordenamento e sustentabilidade”. Sá Marques está doutorada en Xeografía, e ao longo da súa carreira profesional ten realizado investigacións sobre áreas como os sistemas e as políticas urbanas, a economía e o desenvolvemento territorial e o papel das tecnoloxías da información no ordenamento do territorio. A súa exposición comezou cun contexto político para comprender as políticas territoriais portuguesas, e posteriormente abordáronse temas como a necesidade dunha axenda territorial estruturada; as prácticas políticas para o cambio; os criterios para recoñecer políticas con potencial transformador; as políticas sustentadas en evidencia territorial ou a política nacional de Portugal (baseada nos eixos de innovación, prosperidade, resiliencia e vulnerabilidade).
A continuación, desenvolveuse a mesa redonda “Cara a sustentabilidade urbana. Economía, mobilidade e redución de impactos ambientais”. Nela participaron Helena Madureira (Universidade do Porto), Miguel Pazos (USC), Xavier Vence (USC), Victoria Otero (USC) e David Ramos (Universidade de Salamanca). Durante o debate abordáronse asuntos como a mobilidade sostible e a redución do consumo enerxético ou a compra pública verde e circular.
A quenda da tarde dará comezo ás 15:30 horas, coa intervención de Oriol Nel·lo, da Universidade de Barcelona. Nel·lo foi director do Institut d’Estudis Metropolitans de Barcelona, e tamén deputado no Parlamento de Cataluña, así como secretario para a Planificación Territorial do goberno da Generalitat de Cataluña. A súa é a conferencia central do día, denominada “Modelos de cidade e corrección das desigualdades no marco das axendas urbanas”.
Xa para as 16:30 programouse unha segunda mesa redonda, “Cara a unha cidade socialmente xusta e democrática”. O debate estivo moderado por José Alberto Rio Fernandes, da Universidade do Porto, e nel interviron Fátima Matos (Universidade do Porto); Pedro Chamusca (Universidade do Minho); e María José Piñeira, Ismail Irigoy, Cristina Botana e Francisco Durán (USC). A partir das 18:30 horas terá lugar o acto de clausura, no que participará o reitor da USC, Antonio López Díaz.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Docentes y expertos convierten a Ames en foro de la política urbana sostenible y de la Agenda Urbana 2030"