Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle mañá a presentación de Bálano, a nova obra do escritor residente en Ames Eduardo Rojas Rebolledo

Xoves, 27 de setembro de 2012

[27-09-2012] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá mañá, ás 20:00 horas, a presentación do libro Bálano, a nova obra do escritor mexicano Eduardo Rojas Rebolledo, que reside en Ames desde o ano 2005. Este acto enmárcase dentro das actividades coas que o Concello de Ames intenta apoiar e promocionar os creadores e creadoras amesáns.

O Pazo da Peregrina será este venres o escenario da presentación do libro Bálano, unha obra onde a memoria ten un papel principal. A partir dos recordos do narrador, cheos de humor e melancolía, esbózanse os elementos que conformaron unha amizade cargada de aventuras, amantes celosos, intrigas, enganos e morte.

Eduardo Rojas Rebolledo naceu en México no ano 1970 e chegou a Galicia no ano 2000. Despois de estudar e traballar en Santiago de Compostela, en 2005 trasladase a Bertamiráns, onde reside dende entón.

Ao longo da súa carreira, colaborou en diversas publicacións e varios textos seus foron incluídos en antoloxías. A súa primeira novela, A ruta do Aqueronte, foi publicada polo Fondo de Cultura Económica en 2006. Eduardo Rojas Rebolledo tamén é autor de libros de relato de ensaios.