Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle mañá un concerto de novos talentos enmarcado dentro do XIII Festival Peregrinos Musicales

Sábado, 08 de xullo de 2023

O XIII Festival Internacional Peregrinos Musicales, que deu comezo o pasado 29 de xuño, prosegue a súa andadura ofrecendo unha nova cita musical esta fin de semana. Mañá domingo terá lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, un concerto da man de sete músicos galardoados no Concurso Internacional de Novos Talentos, ás 21:00 horas. A entrada será libre e de balde.

Por primeira vez na súa historia, o Festival Internacional Peregrinos Musicais ofrecerá unha das súas sesións musicais en Ames. Trátase dun concerto no que participarán os seis gañadores da última edición do Concurso Internacional de Novos Talentos. O grupo está conformado pola ucraína Sofía Zhólobova, o alemán Emmanuel Sint, os vascos Nerea Arriola e Pablo López, e os galegos Yuri Durán e Cristina Bernal.

Zhólobova interpretará ao piano “Castilla”, Op. 47 Nº1”, de Isaac Albéniz; “Young Juliet”, de Prokofiev; e “Margarita en la rueca”, de Schubert; así como “Estudio en fa sostenido menor”, de Bortkiewicz. López, pola súa banda, tocará co clarinete “Introducción y rondo op. 72”, de Marie Widor. Durán, ao piano, o “Étude-tableaux nº5” de Rachmaninoff. Bernal interpretará tamén dúas pezas do compositor ruso, sobre o que xira esta edición do festival: “Étude-tableaux op.39, Nº4” e “Preludio Nº5 Op. 23”. Pola súa banda, Sint, ao fagot, tocará “Sonatina para fagot y piano”, de Alexandre Tansman, e Arriola, ao violín, “Danza española de la vida breve” de Manuel de Falla e “Polonesa Brillante en la Mayor op.21”, de Wieniawsky.

As actuacións desenvolveranse a partir das 21:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A entrada é libre e gratuíta. Premendo nesta ligazón podes consultar o programa da xornada ao completo.

Tres citas musicais máis ata o 14 de xullo
O programa desta edición completarase con outros tres concertos: o da Real Filharmónica de Galicia xunto aos gañadores do XIII concurso Peregrinos Musicales, o 11 de xullo, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia; o de Roger Ros Morelló, ao cello, que se desenvolverá o 13 de xullo ás 20:30 horas no Teatro Principal; e o do Trío Metamorphoses, o 14 de xullo, ás 20:30 horas, tamén no Teatro Principal.

Festival Internacional Peregrinos Musicais
O Festival Internacional Peregrinos Musicais naceu no ano 2011 en Santiago, impulsado pola pianista Ilona Timchenko. O proxecto, pioneiro en Galicia, ten como principal obxectivo servir de punto de encontro de novos talentos da música clásica, con especial interese no talento galego. Os e as participantes proceden, na súa maior parte, de prestixiosos conservatorios de Europa. Tamén participaron solistas doutros países como Estados Unidos, Rusia, Xeorxia, Bielorrusia ou Armenia, entre outros.

Desde os seus comezos e ata a actualidade, Peregrinos Musicais reuniu en Compostela a máis dun centenar de intérpretes de 14 países, con idades comprendidas entre os 12 e os 24 anos. Así, preténdese achegar ao público o mundo da música clásica cun evento desenvolvido sempre en enclaves emblemáticos tanto da capital galega como doutros puntos da comunidade autónoma. Para iso, combínanse no programa as actuacións dos novos talentos coas de grandes instrumentistas da música de cámara nacional e internacional.

Cartaz do Festival Peregrinos Musicales