Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle o vindeiro venres, 24 de febreiro, a Tribuna Académica de cidades e comunidades sostibles do noroeste peninsular

Xoves, 16 de febreiro de 2023

O vindeiro venres, 24 de febreiro, o Concello de Ames acollerá a primeira Tribuna Académica de cidades e comunidades sostibles no noroeste peninsular, organizada pola concellaría de Educación e Axenda Urbana. A xornada desenvolverase no Pazo da Peregrina, a partir das 10:00 horas, e nela participarán relatores de universidades españolas e portuguesas. Os principais temas a debate están vencellados aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, e, en particular, do ODS 11, sobre cidades e comunidades sostibles.

O evento, coordinado dende a concellaría de Educación e Axenda Urbana, en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e de Oporto, dará comezo a partir das 10:00 horas. Nel abordaranse aspectos como o modelo de xestión dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar de Ames; a compra pública de produtos de proximidade, a redución de residuos e de compostaxe; a loita contra o cambio climático; o proceso de descarbonización e a mobilidade sostible. Todos estes aspectos sitúan ao concello como un referente en políticas públicas na zona noroeste peninsular.

Ás 10:30 horas terá lugar a conferencia inaugural, impartida por Teresa Sá Marques, da Universidade do Porto, baixo o título “Territorio, ordenamento e sustentabilidade”. Sá Marques está doutorada en Xeografía, e ao longo da súa carreira profesional ten realizado investigacións sobre áreas como os sistemas e as políticas urbanas, a economía e o desenvolvemento territorial e o papel das tecnoloxías da información no ordenamento do territorio.

A partir das 11:00 horas terá lugar a primeira mesa redonda, denominada “Cara á sustentabilidade urbana. Economía, mobilidade, reducción de impactos ambientais”. Estará moderada por Rubén Camilo Lois González, da USC, e nela participarán Helena Madureira (Universidade do Porto); Miguel Pazos, Xavier Vence e Victoria Otero (USC), e David Ramos (Universidade de Salamanca).

Xa pola tarde, dende as 15:30 horas, desenvolverase a conferencia central da xornada, “Modelos de cidade e corrección das desigualdades no marco das axendas urbanas”. Será impartida por Oriol Nel·lo, da Universidade de Barcelona. Nel·lo foi director do Institut d’Estudis Metropolitans de Barcelona, e tamén deputado no Parlamento de Cataluña, así como secretario para a Planificación Territorial do goberno da Generalitat de Cataluña.

Xa para rematar a xornada, ás 16:30 horas celebrarase a segunda mesa redonda, “Cara unha cidade socialmente xusta e democrática”. O debate estará moderado por José Alberto Rio Fernandes, da Universidade do Porto, e nel intervirán Fátima Matos (Universidade do Porto); Pedro Chamusca (Universidade do Minho); e María José Piñeira, Ismail Irigoy, Cristina Botana e Francisco Durán (USC). A partir das 18:30 horas terá lugar o acto de clausura.

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil, sinala que “Ames acollerá este primeiro encontro académico que afortala as relacións do concello coa Universidade de Santiago, coa que seguimos a colaborar na organización de eventos e informes no ámbito educativo. Esta Tribuna será un encontro académico de primeiro nivel no contexto peninsular. Situaremos a Ames nos espazos de reflexión sobre o urbanismo sostible e a Axenda 2030, para seguir a avanzar nos obxectivos que establece a nosa Axenda Urbana e planificar o territorio baseándonos noutros lugares que xa son referentes neste ámbito en España e Portugal”.

Así mesmo, o concelleiro agradeceu “que ambas Universidades aposten por debater en Ames e o fagan nun espazo tan idóneo como é o Pazo da Peregrina. Animamos a todas as persoas interesadas en achegarse a participar ao tratarse dun acto aberto á cidadanía e ao estudantado."

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bertamiráns, capital ibérica del ecologismo, conciliación y productos de proximidad el 24"

Cartaz da xornada de Cidades e comunidades sostibles

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina acolle o vindeiro venres, 24 de febreiro, a Tribuna Académica de cidades e comunidades sostibles do noroeste peninsular