- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, colabora coa Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, na organización do curso formativo “Axenda 2030 e Turismo: oportunidade de negocio para un turismo sustentable”, que se vai celebrar o vindeiro 15 de novembro nas instalacións do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. En dito evento tamén colabora a Deputación da Coruña. Durante a xornada, contarase coa participación de expertas e expertos que compartirán os seus coñecementos e experiencias sobre a calidade e sustentabilidade no sector turístico, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e as súas implicacións sobre o turismo. Igualmente falarase das estratexias para a incorporación dos ODS nos plans de turismo, así como as oportunidades de financiamento para proxectos de turismo sustentable tanto a nivel autonómico, como nacional e europeo, que rematará cun taller práctico sobre como presentar axudas de turismo ás diferentes convocatorias. Preme nesta ligazón para tramitar a inscrición.
O turismo é un dos sectores máis importantes para a economía do noso país. O modelo turístico en Galicia debe conxugar o equilibrio económico, ambiental e sociocultural nas actividades e servizos turísticos do territorio galego. É un caso en que se conxuga como en poucos o binomio de contornas prósperas, negocios prósperos.
Os Estados Membros da ONU aprobaron en 2015 a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, un ambicioso plan de acción mundial que integra as dimensións económica, social e ambiental e resúmese en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). O turismo é un dos sectores que, sen dúbida, pode contribuír, directa ou indirectamente, aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
Actualmente a Unión Europea é un dos principais organismos que ofrece múltiples vías de financiamento para a realización de proxectos para todos os sectores, entre eles, o turístico polo que é fundamental coñecer os diferentes instrumentos de financiamento e convocatorias existentes.
Sobre o curso
A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra – Muxía organiza, en colaboración co Concello de Ames e coa Deputación da Coruña, o curso formativo “Axenda 2030 e Turismo: oportunidades de negocio para un turismo sustentable”, co que se pretende acadar os seguintes obxectivos:
-A mellora na calidade do servizo, co fin de mellorar o sector turístico nos concellos do Camiño de Santiago, entre eles, o Camiño de Fisterra.
-Aliñar os ODS co sector turístico.
-Fomento da sostibilidade.
-Aumentar as habilidades para a presentación de proxectos ás convocatorias de axudas.
-Emprendemento e implantación de boas prácticas sustentables en negocios xa existentes.
Programación
A xornada comezará coa recepción ás persoas participantes de 9.30 a 9.45 horas. Ás 9.45 comeza o primeiro bloque de contidos no que se abordará a calidade e a sustentabilidade no sector turístico. Neste primeiro bloque falarase sobre como se estrutura o turismo, dos 5 elementos da industria turística, dos destinos turísticos e dos seus factores de cambio, e do turismo rexenerativo como un paso máis cara a sustentabilidade. De 12:15 a 13:15 horas falarase de que é unha experiencia turística sostible e sobre a calidade turística.
No segundo bloque falarase sobre a Axenda 2030 e o turismo. Deste xeito, de 13:15 a 14:30 horas presentaranse os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), as súas implicacións sobre o turismo e das estratexias para a súa incorporación.
Trala pausa para o xantar, de 15.30 a 19.30 horas, abordarase o terceiro bloque do curso que tratará sobre as oportunidades de financiamento de proxectos turísticos sustentables. Abordaranse os programas e instrumentos existentes tanto a nivel rexional como nacional e europeo en materia de turismo; e haberá un taller práctico sobre como presentar axudas para proxectos turísticos. Para máis información podes consultar o folleto informativo do curso.
Para tramitar a inscrición hai que cubrir este formulario. Para dispor de máis información pódese acceder á páxina web www.ateofin.gal, chamar ao número de teléfono 986 17 82 25, ou escribir un correo electrónico icsem@icsem.es.