Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acollerá o próximo martes unha xornada formativa sobre a nova lei de protección animal

Venres, 19 de xaneiro de 2018

[19-01-2018] Baixo o título Concienciación en Dereito Animal, a Asociación Protectora de Animais de Cambados organiza para o vindeiro martes, 23 de xaneiro, unha xornada formativa acerca das mudanzas que presenta a nova Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia. A xornada, que se desenvolverá entre as 10:00h e as 15:00 horas, terá lugar na sala de exposicións do Pazo da Peregrina. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, colabora na súa organización.

Un dos obxectivos desta xornada é dar a coñecer a nova Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, así como a súa aplicación práctica. Da mesma maneira, a organización desta xornada tamén busca ensinar ás persoas participantes a diferenciar cando deben acudir á vía administrativa e cando á penal en casos de maltrato e abandono de animais. Así mesmo, ao longo desta xornada tamén se abordará como e cando determinar o comiso provisional de animais e o xeito de crear protocolos de actuación para calquera caso no que interveña un animal.

Os contidos da xornada estarán centrados en diferentes aspectos da nova lei. Primeiramente, introducirase unha xustificación da reforma da mesma, facendo fincapé nos aspectos máis interesantes. Alén diso, tamén se afondará na utilidade das ordenanzas municipais, na diferenciación entre delitos e infraccións administrativas e nos mecanismos legais para a incautación urxente e dilixente de animais abandonados ou maltratados. A xornada tamén incluirá análises de casos prácticos reais, abarcando posibles solucións para unha actuación eficaz e medidas creadas noutros municipios para a erradicación das situacións de abandono ou maltrato.

A xornada formativa, que conta coa colaboración do Concello de Ames, terá dúas relatoras: a presidenta da Asociación Protectora de Animais de Cambados, Olga Costa, e a asesora xurídica en dereito animal da Asociación Franz Weber, Irene Torres. A xornada terá lugar o vindeiro martes, 23 de xaneiro, na sala de exposicións do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

A actividade, que se desenvolverá ao longo de cinco horas, entre as 10:00h e as 15:00h, será aberta a toda a cidadanía. Porén, esta estará enfocada, principalmente, de cara a un perfil profesional das persoas asistentes: persoal técnico de medio ambiente, forzas de seguridade do estado, especialmente axentes do Seprona, avogadas e avogados.... É dicir, persoas que no desenvolvemento do seu traballo deben coñecer o estipulado na nova lei. Ademais, aínda que non é obrigatorio, recoméndase que as persoas interesadas en asistir se inscriban a través do enderezo de correo electrónico refugiocambados@gmail.com