Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acollerá os días 5 e 6 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2024

Sábado, 29 de xuño de 2024

O jazz volve un ano máis ao Pazo da Peregrina coa celebración da sétima edición do Ames Jazz, unha iniciativa do departamento de Cultura que se desenvolverá o venres 5 e o sábado 6 de xullo. A iniciativa englobará os concertos de María Toro Trío e de Kin García Quinteto, así como a proxección do documental “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band” e o faladoiro “Dende Galicia para o Mundo”. A entrada é libre e gratuíta.

O Pazo da Peregrina vai ser o escenario do Ames Jazz os días 5 e 6 de xullo. O festival celebra a súa sétima edición repetindo formato. Por terceira vez na súa historia durará dous días, o venres 5 e o sábado 6 de xullo, e conta, ademais de cos habituais concertos, coa proxección dun documental e cun faladoiro que gardan relación co xénero musical.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “o Ames Jazz é un dos poucos festivais de jazz en galego. É un orgullo que se realice en Ames. A nosa intención é seguir traballando para que este festival chegue cada vez a máis xente, tratando de atraer á mocidade amesá”.

O primeiro dos concertos programados terá lugar o venres 5 de xullo, e correrá a cargo de María Toro Trío, integrado pola frautista e compositora María Toro, e polos músicos Guillermo Barrón e Adrián Alvarado. Trátase dun proxecto baseado na música flamenca que incorpora a profusión do jazz e doutras músicas populares.

Por outra banda, xa na segunda xornada, a do sábado 6, actuará o quinteto Kin García. O contrabaixista que lle da nome ao grupo, natural de Noia, é un dos músicos máis representativos do jazz galego e da world-music, cunha longa traxectoria nacional e internacional que no ano 2009 o levou a estar prenominado aos premios Grammy polo seu disco “Atlantic Bridge”. Actualmente compaxina a docencia como profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña na especialidade de jazz, coa súa carreira persoal como intérprete.

Na súa extensa traxectoria ten traballado con unha longa lista de artistas internacionais, achegándose a moitos estilos diversos (jazz, folk, músicas do mundo....). No Ames Jazz virá a presentar o seu último proxecto a quinteto, acompañándose de catro grandes músicos como son Antía Muíño na voz, Xosé Miguélez no saxo, Jacobo de Miguel no piano e Noly Torres na batería.

Faladoiro e proxección
Ademais, a oferta do festival complétase cun faladoiro sobre jazz e cunha proxección de cinema.

Deste xeito, o sábado 6 de xullo, ás 12:00 horas, terá lugar o faladoiro “Dende Galicia para o mundo”. O coloquio, que se celebrará no pub O Transistor, contará coa participación de Adrián Besada, Aitana Cuétara e Xacobe Martínez Antelo.

Ese mesmo día pola tarde, proxectarase o documental catalán: “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band”. Trátase dunha peza do director Ramón Tort protagonizada pola Sant Andreu Jazz Band. Esta orquestra, dirixida por Joan Chamorro, reúne a nenos e nenas de entre 6 e 18 anos arredor dun repertorio de jazz clásico que enche os auditorios máis importantes do país. O filme é unha viaxe da man do director da orquestra, que somerxe ao espectador nun método de ensinanza tan singular como os resultados que xera.

Así mesmo, volverase a contar, un ano máis, cun servizo de barra de bar durante os dous días que se celebre o encontro musical. En caso de previsión meteorolóxica adversa, tanto os concertos como a proxección dos documentais terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El ciclo Ames Jazz regresa a Bertamiráns"

O Pazo da Peregrina acollerá os días 5 e 6 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2024

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina acollerá os días 5 e 6 de xullo as dúas xornadas do Ames Jazz 2024