- Tematica
O Concello de Ames colabora na organización da primeira edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que se realizará o vindeiro 30 de xuño, ás 20.30 hora, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, co obxectivo de recadar fondos para contribuír á investigación sanitaria e ao incremento da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. O evento está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín catering e eventos. Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario que hai que cubrir para mercar as entradas da cea e á información da Fila Cero por se queres realizar un donativo. Para obter máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 641 11 60 05.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe a presentación da primeira edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames. Trátase dun evento que está organizado por Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín catering e eventos, e no que colabora o Concello de Ames. O obxectivo desta iniciativa é recadar fondos para contribuír á investigación sanitaria e ao incremento da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS.
Baixo o lema “Axúdanos a debuxar o seu sorriso” o evento realizarase o venres, 30 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O prezo do menú será de 30 euros para os adultos e de 15 euros para os rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. Para os nenos e nenas de ata 6 anos a entrada será gratuíta. Destes importes, 5 euros son de donativo. Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario que hai que cubrir para mercar as entradas da cea e á información da Fila Cero por se queres realizar un donativo. Para obter máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 641 11 60 05.
Por outra banda, a partir do 15 de abril as entradas para o evento tamén se poder obter en tres establecementos comerciais e hostaleiros de Bertamiráns (Don Budi, Imperfect e Secretos de Tocador) e noutros tres do Milladoiro (cafetería Casa da Cultura, Fátima Prego Estilistas e Nonna & Go).
Presentación do evento solidario
A presentación do evento solidario correu a cargo de Blas García, alcalde de Ames; Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría; Belén Mosquera Pérez, membro do equipo directivo da Obra Social Pediatría; Jorge López, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA); e Eduardo Rañó, en representación de Albarín Catering.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “Ames é un concello solidario grazas a súa veciñanza que cando ten ocasión mostra o seu apoio aos eventos e actividades solidarios que se organizaron dende o Concello ou nos que o Concello colaborou. Estou seguro que nesta ocasión esta iniciativa tamén vai contar co apoio dos veciños e veciñas de Ames e dos concellos da contorna. Ademais, Ames é o concello galego máis xoven e debido a iso o concello con máis porcentaxe de rapaces e rapazas en idade pediátrica”. Rematou dicindo que “o entorno do Pazo da Peregrina, onde se vai a desenvolver este evento solidario, adáptase perfectamente para organizar esta cea solidaria”.
Coidados no eido médico, psicolóxico, social e educativo
A continuación interviron Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría; e Belén Mosquera Pérez, membro do equipo directivo da Obra Social Pediatría.
O doutor Martinón Torres agradeceu a colaboración do Concello de Ames, da Xuntanza de Empresarios de Ames e de Albarín Catering. “No servizo de pediatría do CHUS temos moi claro cal é o noso lema: coidar dos nosos rapaces non só consiste en asistilos na enfermidade, senón que debe ser unha axuda máis integral. O coidado non só se debe facer no aspecto médico, senón tamén no eido psicolóxico, social e educativo, a través da investigación”, sinalou. “A Obra Social Pediatría creouse para canalizar ese tipo de axuda, para mellorar todo aquilo que aínda é mellorable. Para iso fan falta recursos, que tratamos de conseguir a través deste proxecto e da xente que se suma á iniciativa”.
Así mesmo, Federico Martinón Torres fixo fincapé na importancia da investigación, mencionando que “achega solucións cando non existen ou, polo menos, trata de poñer remedio ás limitacións que temos os médicos á hora de atender aos pacientes e ás súas familias”. Finalizou animando á veciñanza a participar no evento solidario e recordou que “debemos poñer en valor ao Concello de Ames, que non é a primeira vez que colabora connosco, así como a XEA e Albarín Catering. Para nós é unha satisfacción traballar con eles”.
Colaboración da veciñanza amesá coa Obra Social Pediatría
Por outra banda, Belén Mosquera Pérez agradeceu a colaboración do Concello de Ames nesta iniciativa. “Ames é un concello que está moi próximo a Santiago de Compostela co cal se os nenos e nenas de Ames se poñen malos teñen que acudir ao servizo de pediatría do CHUS. Temos que agradecer tamén que hai moitos veciños e veciñas deste concello que colabora coa Obra Social Pediatría”.
Jorge López, presidente de XEA, expresou que “estamos moi contentos de formar parte deste proxecto”, agradeceu a todos os establecementos amesáns que forman parte da asociación a súa predisposición para colaborar na organización do evento, e recordou que as entradas estarán dispoñibles a partir do 15 de abril en diversos locais comerciais e de hostalaría de Bertamiráns e do Milladoiro. “Cáusame moita satisfacción que esta cea se realice aquí no concello. É unha das iniciativas que máis ilusión me fai como presidente de XEA”, rematou dicindo.
Eduardo Rañó, en representación de Albarín Catering, dixo “pola nosa parte cada vez que podemos, tratamos de colaborar coa Obra Social Pediatría porque parécenos importante botar un man cando se trata de contribuír á investigación sanitaria e ao incremento da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Animan a asistir a la cena solidaria en pro de Obra Social Pediatría en el Pazo da Peregrina"