Pestanas principais

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle este sábado o “Kopa pop-up”, unha xornada de moda, música e arte

Xoves, 29 de xuño de 2023

A empresa amesá Pato Peluqueros, en colaboración con xóvenes promesas e co Concello de Ames, organiza este sábado un “pop-up” para presentar a nova colección de roupa de verán do deseñador amesán Niko Pato, coñecido artisticamente como Niko Kopa. A xornada desenvolverase no Pazo da Peregrina a partir das 12:00 horas. Os asistentes poderán gozar de descontos especiais no prezo das prendas, recibirán un regalo de benvida e entrarán en diversos sorteos. Ademais, haberá concertos a cargo de artistas noveis de Ames e da súa contorna. Por outra banda, habilitarase unha zona de graffitis.

Tras o éxito colectado pola primeira liña de roupa de Kopa, a marca creada polo mozo amesán Niko Pato, este verán estréase unha nova colección, que verá a luz o sábado 1 de xullo nun evento que terá lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Trátase dun “pop-up”, unha idea xurdida nos Estados Unidos que busca anunciar as novidades de moda en tendas físicas, e que Pato adaptou ao seu modelo de negocio online. Deste xeito, o deseñador preparou unha xornada lúdica para dar a coñecer a liña estival que creou, e que está composta por suadoiros, tops e camisetas.

A nova colección é definida polo seu creador como “máis elaborada e extravagante”. Os suadoiros, de cor violeta, irán acompañados por motivos con xeados colocados en distintas posicións, simbolizando a entrada da estación de verán. Os tops e as camisetas de tiras seguen unha liña similar, cun deseño atrevido e con personalidade.

Programación
O evento arrincará arredor das 12:00 horas, coa exposición das prendas, así como de diversos cadros e obras artísticas creadas polo propio Niko Pato. Os asistentes recibirán un regalo de benvida, e poderán gozar de descontos especiais sobre o prezo dos suadoiros, tops e camisetas. Ademais, terán a oportunidade de entrar en sorteos para facerse con entradas para festivais, táboas de skate... e outros premios.

Xa en horario de tarde, sucederanse unha serie de actuacións musicais, englobadas dentro do “Kopa music fest”, e protagonizadas por artistas amesáns e da contorna. Ás 18:30 horas actuará Duve, a quen seguirá Sofia Shizuko, ás 19:00. Arredor das 19:40 horas terá lugar o concerto de Waydn, mentres que ás 20:20 será a quenda de Lepayitss. Rematarán Dasilva, ás 21:00 horas; e Ucsi, ás 21:20 horas. Ao remate dos concertos anunciaranse os gañadores dos sorteos.

Ademais de moda e música, os asistentes poderán gozar dunha zona de creación de graffitis, que estará instalada ao longo de toda a xornada no Pazo da Peregrina.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “o Concello segue a colaborar na posta en marcha deste tipo de iniciativas, que serven para dinamizar o comercio local e apoiar a novos creadores. Nesta ocasión, ademais, trátase dun evento que serve para achegarse a un público mozo e que pon en valor o talento da xuventude de Ames. Invitamos a toda a veciñanza que o desexe a achegarse ao ‘pop-up’ e a coñecer esta colección de moda”.

Cartaz do Kopa pop-up

Multimedia

  • Cartaz do Kopa pop-up
  • Cartaz dos artistas