Pestanas principais

O Pleno abordará a ampliación do plan municipal de prevención de incendios forestais ata 2029

Martes, 25 de marzo de 2025

Este xoves, día 27, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do crédito extraordinario 1/2025 financiado con baixas por anulacións; a derrogación da ordenanza municipal reguladora da prestación de alimentos; a modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024, prorrogado para 2025, sobre as subvencións nominativas para o exercicio 2025; a modificación do expediente de gasto do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Concello de Ames e a UTE “XG-807”, para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU); a extensión da vixencia para o período 2025-2029 do plan de continuidade da protección contra incendios forestais mediante a plantación de frondosas; a aprobación inicial da quinta modificación puntual do regulamento orgánico municipal; e a proposta de resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do segundo expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar. Ademais abordarase unha moción, presentada polo grupo municipal popular de Ames, con motivo do día internacional das mulleres, 8 de marzo. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación darase conta da orde da compañía da Garda Civil de Santiago de Compostela, do 22 de outubro de 2024, pola actuación de dous efectivos da Policía local de Ames. A través de dita orde dáse conta da felicitación e recoñecemento por parte do xefe da compañía da Garda Civil de Santiago de Compostela, polas meritorias, eficaces e activas actuacións de dous efectivos da Policía Local de Ames, en colaboración cos integrantes da Garda Civil do Milladoiro, nun suposto roubo con forza no interior dun garaxe, actuación na que se procedeu á detención de dous sospeitosos e se aprendeu o material subtraído.

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, das actas correspondentes á sesión extraordinaria e urxente celebrada o 25 de febreiro e á sesión ordinaria do mes de febreiro.

O primeiro tema que se vai abordar é a aprobación do crédito extraordinario 1/2025 financiado con baixas por anulacións. Neste momento resulta necesario acometer unha serie de investimentos que non contan con crédito adecuado e suficiente no orzamento prorrogado. Existindo a posibilidade de proceder a dar de baixa determinados créditos do orzamento prorrogado procede tramitar unha modificación orzamentaria na modalidade de crédito extraordinario por valor de 221.207,94 euros.

Outro dos puntos que se van abordar é a aprobación  inicial da derrogación da ordenanza municipal reguladora de prestación de alimentos do Concello de Ames. Esta ordenanza tiña como obxecto establecer as condicións que rexen a concesión da axuda de alimentos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Debido a que  o programa FEAD como tal xa non existe, dende a Concellaría de Benestar Social, proponse a derrogación de dita ordenanza.

Ademais, tratarase a modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024, prorrogado para 2025, sobre as subvencións nominativas para o exercicio 2025. Segundo o establecido pola Intervención Xeral da Administración do Estado pérdese o carácter nominativo das subvencións no orzamento prorrogado, co que non poden concederse directamente por esta vía. Polo tanto procede outorgar a nominatividade aos créditos previsto no orzamento municipal do exercicio 2024 prorrogados para 2025, modificando as bases de execución do orzamento prorrogado incluíndo de novo as subvención co seu carácter nominativo indicando os períodos aos que afectan.

As subvencións nominativas previstas para o ano 2025 están dirixidas á Asociación de voluntarios/as de Protección Civil de Ames (7.000 euros); ao Bertamiráns FC (28.000 euros); Milladoiro SD (13.000 euros); Unión de Consumidores de Galicia (6.000 euros); e para o programa Vacacións en Paz 2025 (8.400 euros). En total, preténdese destinar a estas subvencións a contía de 62.400 euros.

Servizo de interese municipal (SIMU)
Por outra banda, abordarase a modificación do expediente de gasto do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, o Concello de Ames, e a UTE “XG-807”, para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU). O 28 de abril de 2022 o Pleno aprobou a subscrición do convenio de colaboración para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU). O convenio estende os seus efectos ata o 31 de maio de 2026. No acordo de aprobación do convenio autorizábase e dispoñíase o gasto por un importe anual de 55.203,24 euros.

O 30 de xaneiro de 2025 a Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, remitiu requirimento de pagamento da achega para o exercicio 2025, que inclúe a liquidación definitiva do 2024 e o importe estimado para 2025 por un importe superior ao previsto no convenio.

O importe que resulta da liquidación definitiva dos custes do servizo para 2024 menos os ingresos reais do servizo supón un importe superior ao inicialmente autorizado e disposto, debido a que os ingresos reais do servizo foron inferiores aos previstos inicialmente (pasaron de 20.150 euros a 4.436,34 euros). O número de viaxeiros anuais foi de 3.464, mentres que no convenio se estimaban 13.000 viaxeiros/as anuais. O custe anual do servizo ascendeu a 75.353,28 euros, polo que tivo un déficit de 71.799,12 euros.

Debido a isto procede modificar o expediente de gasto de dito convenio de colaboración, para autorizar e dispoñer do gasto por importe de 140.619,86 euros (69.702,92 euros para o exercicio 2025; e 70.916.94 euros para o ano 2026).

Plan municipal de prevención de incendios forestais
Outros dos temas que se vai a tratar é a extensión da vixencia para o período 2025-2029 do plan de continuidade da protección contra incendios forestais, mediante a plantación de frondosas nas faixas secundarias de seguridade do concello de Ames, elaborado polo servizo municipal de medio ambiente. Dito plan foi aprobado polo Pleno en decembro de 2017 por un período de catro anos. En xaneiro de 2021 acordouse aprobar a continuidade do referido plan ata 2024. Agora proponse amplialo ata o ano 2029.

Tamén se vai abordar a aprobación inicial da quinta modificación puntual do regulamento orgánico municipal (ROM) do Concello de Ames, que consiste na supresión e polo tanto derogación do artigo 60 de dito regulamento, que se refire ao debate sobre o estado do Concello. Deste xeito, proponse suprimir a celebración dunha sesión extraordinaria do Pleno ao ano dedicada ao debate do estado do Concello.

Ademais, vaise abordar a proposición da Alcaldía sobre a proposta de resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do segundo expediente de resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames.

Moción sobre o día internacional das mulleres
Por último, abordarase unha moción política do grupo municipal popular de Ames con motivo do día internacional das mulleres, 8 de marzo. En dita moción proponse expresar o  rexeitamento a calquera tipo de mensaxe ou acción que supoña unha discriminación ou violencia polo feito de ser muller; impulsar iniciativas para visibilizar ou galardoar a traxectoria de mulleres referentes da contorna en diversos ámbitos, especialmente aqueles máis masculinizados; solicitar financiamento á Xunta de Galicia e ao Goberno central para impulsar actividades que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades; promover campañas de sensibilización accesibles a toda a poboación en materia de igualdade nos que se busque, entre outros aspectos, erradicar a linguaxe sexista; reforzar os Centros de Información á Muller, que son de titularidade municipal; e instar ao Goberno do Estado a atender a demanda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e da Xunta de Galicia para a creación de cinco novos xulgados exclusivos contra a violencia de xénero en Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol.     

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames leva a pleno o plan municipal para previr incendios forestais"

O Pleno abordará a ampliación do plan municipal de prevención de incendios forestais ata 2029