- Tematica
Este xoves, día 30, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de maio. O pleno comezará coa toma de posesión como concelleiro do grupo municipal do BNG, de Carlos García Vieito, trala renuncia de David Santomil. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a ratificación de dous decretos da Alcaldía para a subsanación de deficiencias de proxectos de obras incluídas no POS+ 2024. Tamén se abordará a aprobación de dous proxectos incluídos no Plan Agader 2024-2025. Por outra banda, debaterase a aprobación inicial do regulamento de uso e funcionamento da Factoría; a aprobación de indemnizacións por asistencias á Xunta de Voceiros e Comisión Especial de Queixas, suxestións e reclamacións; a aprobación de revisión de prezos do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira (exercicios 2019 e 2020) e maila aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 1-2024. Por último, abordarase a declaración institucional de apoio ás persoas enfermas de ELA, a moción política dos grupos municipais BNG e ESCO para a reprobación da concelleira de Educación, Carmen Porto, e a moción do grupo municipal socialista de solidariedade co pobo palestino. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. De seguido, a concelleira de Servizos Económicos dará conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2024.
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a toma de posesión como novo concelleiro do grupo municipal do BNG, de Carlos García Vieito, trala renuncia de David Santomil. A continuación, abordarase a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria celebrada o pasado 25 de abril.
Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a ratificación de dous decretos da Alcaldía para a subsanación de deficiencias de proxectos de obras incluídas no POS+ 2024 (obras de mellora da seguridade viaria nas Buceleiras e obras de reforzo de infraestruturas do plan especial para dotación escolar no Milladoiro). A través de ditos decretos resólvese aprobar os proxectos modificados coas correccións técnicas indicadas polos técnicos da Deputación da Coruña que non teñen transcendencia algunha no deseño das obras nin nas funcionalidades da mesma nin no seu orzamentos de execución.
Aprobación de proxectos do Plan Agader 2024-2025
Tamén se abordará a aprobación de dous proxectos incluídos no Plan Agader 2024-2025 (mellora do viario de Tras do Cabalo e outros e mellora do viario en Prumariño e outro). O proxecto de mellora do viario de Tras do Cabalo e outros dispón dun orzamento de 26.560,76 euros, dos cales 4.609,72 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. Este proxecto contempla melloras no viario de Tras do Cabalo; mellora do viario en Agueiros; e mellora do viario en A Ponte Nova.
O segundo proxecto denomínase “Mellora do viario en Prumariño e outro”, que conta cun presuposto total de execución por contrata de 33.178,15 euros, dos cales 5.758,19 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. Este proxecto contempla melloras no viario de Prumariño e a mellora do viario en Os Casais.
Aprobación inicial do regulamento da Factoría
A Concelleira de Mocidade propón a aprobación dun regulamento municipal de uso e funcionamento do local A Factoría, adicado a ensaio e reunión e que vén funcionando dende o ano 2020, pero que carece do instrumento regulamentario para o seu funcionamento. No caso de ser aprobado de xeito inicial estará en exposición pública durante 30 días hábiles, a efecto de exame e reclamacións mediante publicación no taboleiro de edictos do Concello, BOP e Portal de Transparencia. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.
Xunta de Voceiros e Comisión Especial de Queixas
Outro dos temas que se abordarán será a aprobación de indemnizacións por asistencias á Xunta de Voceiros e Comisión Especial de Queixas, suxestións e reclamacións. Na sesión plenaria de organización da nova Corporación municipal 2023-2027, que tivo lugar o 28 de xuño de 2023, foron aprobadas as dietas por asistencias a órganos colexiados como o Pleno, Comisións Informativas e Xunta de Goberno Local. Porén, non foron fixadas as dietas por asistencias a órganos complementarios creados no Concello, en base á potestade de auto organización, como son a Xunta de Voceiros e a Comisión Especial de Queixas, Suxestións e Reclamacións.
Seguiuse aplicando o mesmo réxime de indemnizacións da anterior Corporación (aprobadas no pleno do 30 de xullo de 2019 cunha contía de 100 euros e 75 euros, respectivamente). Non obstante, procede adoptar acordo expreso de indemnizacións por asistencia a estes órganos colexiados complementarios para a actual Corporación 2023-2027. Deste xeito, proponse aboar 100 euros por cada sesión de Xunta de Voceiros (por concelleiro/a con dereito a voto) e 75 euros por cada sesión da Comisión Especial de Queixas, Suxestións e Reclamacións (por concelleiro/a con dereito a voto). De ter lugar varios sesións do mesmo órgano no mesmo día soamente se percibirá unha única asistencia.
Centro deportivo municipal A Telleira
Ademais, abordarase a aprobación de revisión de prezos do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira, para os exercicios 2019 e 2020, do que resulta unha indemnización de 28.167,26 euros.
Tamén se abordará a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2024, por importe de 134.060,45 euros, que son gastos de facturas que corresponden á realización de gastos necesarios para o normal funcionamento de distintos servizos municipais.
Declaración institucional e mocións
Por último, abordarase a declaración institucional de apoio ás persoas enfermas de ELA; a moción política dos grupos municipais BNG e Espazo Común para a reprobación da concelleira de Educación, Carmen Porto; e a moción do grupo municipal socialista de solidariedade co pobo palestino.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "El pleno de Ames debatirá la reprobación de la concejala Carmen Porto y mejoras viarias este jueves"
Lindeiros: "Pedirán a reprobación da concelleira de educación de Ames"